Martes. 25.06.2019 |
El tiempo
Martes. 25.06.2019
El tiempo

Sigamos!

A POBOACIÓN de Galicia envellece e morre. As zonas rurais quedan baleiras e a monte, as xestas, os toxos e as silvas medran vigorosa e libremente. E a xente, onde vai a xente nosa? No ceo, a maior parte dela e a que queda, nas cidades e, se son mozos e mozas en idade de traballar, na emigración. Como sempre, hai que coller a maleta e marchar, buscar o pan e o salario, alí onde se poida traballar. A poboación que medra en Galicia é a das mascotas. Non está mal, xa que, segundo Victor Hugo, "os animais son de Deus e a bestialidade é humana".

Actualmente residen nas catro provincias galegas uns seiscentos mil animais de compañía, a maioría son cadelos de diversas razas

Actualmente residen nas catro provincias galegas uns seiscentos mil animais de compañía, a maioría son cadelos de diversas razas. "Son os fillos que temos" dicía unha señora emperiquitada, á saída do casino, xunto a outros asistentes a unha charla organizada pola Comisión de atención aos parecidos (CAAP) do Ateneo, sobre os furóns Marshall que, como moi ben sabían todas elas, son de distintas cores e, polo que explicaba a veterinaria conferenciante, están preparados para seren a mascota ideal.

Aínda así, os galegos aprecian ao can máis que a ningún outro animal e a Xunta de Galicia, para ter un mellor control sanitario dos mesmos, obriga a que todos figuren no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC), onde hai o que non se cre, mascotas para tódolos gustos, incluídas as máis comerciais, as repugnantes e noxentas.

Os emprendedores están atentos a este fenómeno de proliferación dos animais nas casas da veciñanza. Así aparecen, cada vez, máis clínicas e máis especializacións nelas. Hai lugares para o descanso de cadelos, para que xunto, cos gatos, fagan ximnasia e para que aprendan movementos específicos e cientificamente adaptados ás distintas partes dos corpos seus. Hai clínicas de odontoloxía avanzada, con especialidades en ortodoncia, prostodoncia, periodoncia, endodoncia e implantoloxía oral, para calquera tipo de animal vivo.

Hai emprendedores tamén no campo da alimentación, orientando ao persoal para que lle faga unha dieta saudable ao can e ao gato, baseada en produtos naturais, cocidos e condimentados debidamente. Nos restaurantes, as cadeiras estarán obrigatoriamente adaptadas. Vaia cambio! Que sexa para ben, di a Tía Manuela. Sigamos progresando!

Sigamos!
Comentarios