domingo. 01.08.2021 |
El tiempo
domingo. 01.08.2021
El tiempo

Sorrindo para o recordo

MORREU TAN solitaria como soa pasou media vida. Estivo de noite e de día no tanatorio, que axudara a construír, agardando polo adeus dos que ela, con tanta dor, aflición e pena xa despedira. Non se lembra ninguén de cando foi o pasamento do seu fillo, de cando chegaron as desgracias todas seguidas e, para rematar de morrer, non sabía do pasamento do seu compañeiro de noite e de día, compañeiro para almorzar, xantar, cear e vivir. Agora, un destes días atoparanse no alén ou no esquecemento absoluto e reflexionarán sobre a nada. Chegarán á conclusión, a bo seguro, de que nada, como o todo, convértese de inmediato en "nada de nada".

Aí estamos, amigos e paisanos, escoitando falar de todo e de nada, unidos todos e todos separados, agardando unha hora. Poida que sexa a que nos ata á chegada ou á partida. Aí estamos recordando a Neruda, "para que nada nos amarre / que no nos una nada". Agora, si que quedaches soa, compañeira de mil avatares. Quedaches soa despois de mil intentos literarios, de milleiros de coles plantadas e de miles de chourizos asados; quedaches soa na terra túa, onde chorabas polos teus que amabas e enterrabas.

Maldita cousa esta! Sempre pensando no mellor e o que se achega é cada vez peor, igual que na política e na gobernanza, "de mal en peor", aínda que Farruco da Beira asevera que "nunca foi mellor". Noutrora, os curas cantaban o responso en cada cruce do camiño que ía ao camposanto. Cantaban e cantaban ben, mentres os familiares e amigos do defunto choraban e pagaban, enchían aquela arca pechadiña cos cartos que non tiñan.

Ao entrar na igrexa, os cregos rían, rezaban e cantaban conforme ao que vían e, antes de rematar a misa, asentaban ben asentada, e ben á vista, unha fonte para recoller as ofrendas da paisanía. Daquela, os homes deixaban a cantina e, con todo o cheiro da augardente no alento, pasaban en ringleira por diante do altar onde estaba a fonte de contar. Todos contentos: "Tomou nota a familia e o cura, a mística do lugar e aqueles que queren ser os donos do recadar".

Ela non tiña quen contara a concorrencia. Foise discretamente soa por ese camiño, por onde ninguén aprende a andar e polo que, como di a Tía Manuela, tódolos ricos e todos os pobres, toda a humanidade anda ao mesmo paso, devagar e paseniño, con todo o tempo do mundo por diante, sorrindo para o recordo.

Sorrindo para o recordo
Comentarios
ç