sábado. 25.09.2021 |
El tiempo
sábado. 25.09.2021
El tiempo

Ti, a quen votas?

O voto é secreto, tan secreto que hai quen non sabe el mesmo a quen vota. Cada partido entende e presume de que os seu votantes son os máis competentes, os únicos listos do censo electoral. Así pois podemos concluír que vivimos rodeados de listos ou nun país de babecos e parvos. Nas eleccións autonómicas de 2020 en Galicia contabilizáronse 1.320.955 votos, e as abstencións superaron esa cifra. Se os que non votaron a algún partido son babiolos, teriamos que revisar varios conceptos decontado.

A maioría dos votos nestas eleccións, o 47,96%, foron para o PP, o 23,79% para o BNG e o 19,39% para o PSOE. No entanto, nas eleccións xerais de novembro do ano anterior, contabilizáronse 1.507.366 votos, a abstención fora considerablemente inferior e PP e PSOE empataron a escanos, co 32,28% e o 31,59% dos votos, respectivamente. O BNG, naquelas eleccións, acadou un 8,18% dos votos, menos que Podemos-EU, que quedou fóra do Parlamento galego no ano seguinte. 

Parece evidente que se deben respectar ás persoas, ás que votan e ás que se absteñen, ás que se dedican á política e ás que cambian de voto cando lles peta. Respecto ás persoas, incluso, a aquelas que pensan que son deuses. E, naturalmente, respecto ás opinións dos demais. En que está pensando? Como di a Tía Manuela, as opinións deben ser libres. Moitos van votar para botar fóra aos gobernantes, para cambiar, para mellorar ou, sinxelamente, para deixar constancia de que o pobo pode, e debe, ser quen manda e quen ordena. O voto é poderoso e moitos votos son decisivos. As papeletas son armas de papel, coa mensaxe escrita e directa, capaces de cambiar o mundo, para ben ou para mal. Aínda que ben sabemos todos que nun proceso electoral é igual que nas feiras de Castroncán ou da Canda, «cando un perde outro gaña». Así nunca hai feira mala.

Que iguais e que diferentes son as palabras botar e votar. A relevancia do voto é incuestionable, é un dereito dos cidadáns e podería ser unha obriga, xa que realmente é o único poder que teñen por igual os ricos e os pobres. Un cidadán, un voto. Efectivamente, o voto é un instrumento para o reparto do poder político, pero as estatísticas observan que os sectores de poboación máis vulnerables son os que engrosan as listaxes da abstención. Os que mandan queren seguir mandando e cabalgando, rastreando, se é necesario.

Ti, a quen votas?
Comentarios
ç