miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Un conto verdadeiro

Levan o sabor da fame pegado no padal, no mesmo ceo da boca, onde os recordos florecen en cada instante e asentan no maxín dos individuos a idea daquilo que quería esquecer, a idea daqueles tempos pasados, da escaseza e da insuficiencia de todo. Na actualidade, de abundancia e fartura, lémbranse e aprécianse aqueles sabores e aqueles olores percibidos na nenez, na infancia. Daquela, hai ben pouco tempo. Os lectores saben moi ben que a infancia e a vellez están separadas por un instante, un momento no que cambian os gustos, as cores, os olores e os sabores.

Aqueles chourizos da casa, os poucos que había e que tan ben sabían, igual que a empanada do forno, as patacas con nada e o caldo de verzas, as filloas no seu tempo, o cocido todo o ano, o año asado, as leitugas da horta, o pan de centeo e as cereixas de Tralaira. O que se comía e do que agora non queda. Que marabilla! Os roxóns de graxa, sen máis, ou de febra torrada; os ovos das galiñas poñedoras, de dúas xemas moitos deles e clara abundante; a carne de porca cebada, de  touciño entrefebrado; a pescada ou o bacallau dando sabor de  mar ás patacas cocidas, aqueles miles de sabores, onde irán? 

Os olores da primavera, do verán ou do outono eran verdadeiramente inconfundibles, eran alentadores e xeraban confianza no andar pola vida

Tamén se foron os olores, aqueles que indicaban claramente onde estabamos non se recoñecen actualmente, non existen e é difícil recordalos. Os olores da primavera, do verán ou do outono eran verdadeiramente inconfundibles, eran alentadores e xeraban confianza no andar pola vida. Os de inverno levaban á xente para a casa, eran cheiros de lareira, de conto nocturno, de regueifa e de poesía improvisada e cantada.

Aquel olor da herba seca ou da palla empalleirada, o cheiro da natureza toda ou da clase ateigada de nenos e nenas que querían aprender para saber e ser, do parque da cidade, do ciprés do cemiterio, daquel salón onde bailaba a mocidade, do quiosco onde se vendían periódicos, cómics e pipas, ao lado mesmo daquel cine e do portal onde facían bocadillos de chourizo, de calamares e mexillóns. Onde irán aqueles olores e aqueles sabores, meus amigos?

Isto é como un conto verdadeiro, pero  como di a Tía Manuela, estamos en tempos de cambio e, para seguir avanzando, cómpre renovación permanente e imparable, con gusto, con bo olfacto e con moita vista. 

Un conto verdadeiro
Comentarios