miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

Un mal sen parangón

O AMIGO PASTOR nestes tempos de seca andaba pastoreando o seu gando, as ovellas, as cabras, as vacas e un par de cabalos. Si, tamén coidaba da burra moura, de tres cans de raza grande, especiais para as andainas loucas e atrevidas do lobo, daquel lobo raxado que vén e mata, come e marcha, coa barriga chea, outeando e ouleando polo monte abaixo. Con enorme felicidade vai o lobo bruando, aínda que sabe que o silencio é o seu mellor aliado, vai anunciando que busca outro rabaño, canto máis grande e máis amedrentado, mellor. O medo, sábeno ben, "sempre está disposto a velas cousas peor do que son". Xa é dicir!

O amigo pastor non entende nada, non recorda unha época de tanta calor nos montes polos que anda. Ao parecer, a primavera de 2020 foi a máis seca de tódolos anos que el recorda. "Non é normal que pasemos tanto tempo sen chover, sen caer unha gota de auga", di o esforzado traballador, obrigado a ver cada día como esmorece a horta, como morre todo o plantado e como os arredores perden o sentido, as xentes, os animais e as cousas. O sentido e a memoria, que non deberían perderse nunca, para dar continuidade e contexto certo á historia, para deixar constancia de quen somos e de onde vimos, para seguir sendo libres.

Triunfa e campa ás súas anchas o virus da pandemia, igual que as herbas malas, cortando a liberdade que se arela e se persigue. O amigo pastor, os seus cadelos e toda a veciñanza teñen medo aos rebrotes, aos novos brotes, aos que veñen, van e andan sen sosego, sen control e sen parada. Non hai calor que pare a este bicho ruín, que ameaza o futuro, que cambia os costumes, que distorsiona a economía dos ricos, agranda a pobreza dos pobres e enloda as relacións persoais, familiares e veciñais. É un mal sen parangón, como se fose deseñado para cambiar o mundo e exterminar, dunha vez por todas, aos pastores e aos rabaños.

Quen administra o andar do virus? Se é posible, quen pode e quen debe frealo? A Tía Manuela, igual que os científicos e expertos mundiais, non ten resposta para estas preguntas, pero amosa unha enorme desconfianza e fai outra pregunta: a quen favorece a pandemia? É evidente que os traballadores saíran moi prexudicados, son vítimas da hecatombe, desta zarracina que afecta con dureza e con vocación de exterminio aos sistemas educativo, sanitario e produtivo, que evidencia á globalización como a gran mentira.

Un mal sen parangón
Comentarios