viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

Un sinal de alerta

Os medios de comunicación publican noticias de aglaio, nas que especialistas na materia advirten de que o impacto da pandemia na saúde "será enorme, e moi grande na saúde mental"

O MUNDO, a xente do mundo está atrapada, atada á pata do banco. Non pode falar, nin mirar, nin sorrir, nin calar. Non pode seguir, nin parar, nin retroceder, por moito que o intente e por moitos sacrificios que faga. Moitas persoas, das coñecidas e das outras, andan no belén, están implicadas, día e noite, nese asunto tan difícil de resolver. Imposible. Ás enfermidades coñecidas súmanse outras novas, tan perigosas, tan malas e tan mortais como as outras, as do andazo. E o andazo vén cada ano, cada inverno, cada pouco tempo. A moitos dos que lles pega o do virus, vanse e xa non volven, non volven, non.

Outros, tal como está mandado, quedan idos. Moitos fóronse e quedáronse sen ganas de marcha e sen ansias de volver. Parece un mundo ao revés, en contra nosa, en contra de todo. Os psicólogos, psiquiatras, curandeiros e menciñeiros ou albeites non dan feito, vénselles o mundo enriba, co alcatreo da peste toda.

Un mal trae outro consigo. Xúntanse e empeoran. E, segundo os especialistas, o persoal sanitario sofre riscos enormes de trastornos mentais, de ansiedade, estrés agudo e cansazo. Tamén sofren os políticos, incapaces de enxergar unha alternativa. Políticos e políticas, que aquí, nisto, son absolutamente iguais, sen diferencias e sen discusións. Tanto eles como elas, se cómpre facelo, atenden aos biosbardos e aloumiñan aos cocerellos.

Anda a ministra e o ministro na procura de especialistas nas distintas ramas do saber e da ciencia. Páranse de súpeto e vénlles á memoria a saúde mental da maioría, desa que ten que ir ao colexio electoral enseguida. Ningún deles sabe nada das vacinas, dos cobizados remedios que ían vir e non chegan, mentres o tempo pasa, o mal permanece e a cidadanía, para curalo, "poida que esperte algún día". Malo será!

Os medios de comunicación publican noticias de aglaio, nas que especialistas na materia advirten de que o impacto da pandemia na saúde "será enorme, e moi grande na saúde mental", con incidencia na mocidade que sufrirá trastornos varios, entre outros, alimentarios e tentativas de suicidio. E, onde se agochan os responsables? As hospitalizacións de nenos por anorexia, por bulimia e por obesidade, ao parecer, aumentaron neste último ano, como se fose un sinal de alerta, que require resposta das autoridades sanitarias de aquí e de alá.

Un sinal de alerta
Comentarios
ç