lunes. 19.08.2019 |
El tiempo
lunes. 19.08.2019
El tiempo

Verde oliva

OS NOSOS paisanos do val de Quiroga, labradores e cultivadores das terras das ribeiras do Sil e do Bibei, están cheos de orgullo nestes días de verán. A ledicia vén do Sur, tráena os informes analíticos da Universidade de Córdoba. É, xa que logo, unha verdade científica, que enche de gozo aos produtores galegos de aceite de oliva. Despois dos correspondentes estudos nos laboratorios andaluces, a conclusión é contundente: o aceite que se fai en Galicia, nesta zona que aloumiña e que se abraza coa Ribeira Sacra, é un produto biosaudable, "considerado un dos mellores do mundo", por conter un alto grao de polifenoles, compostos de orixe natural, que favorece, segundo os expertos, o funcionamento correcto do sistema cardiovascular.

Paco Ibáñez cantaba aos "andaluces de Jaén / aceituneros altivos" e quen lles cantará aos nosos de Quiroga e de Ribas do Sil, aceituneiros humildes, que traballan o viño e a horta, que manteñen a tradición dende a época dos romanos, dende cando o burro marón, con peito de cabalo, facía rodar a moa para moer as olivas e facer o aceite meritorio e virxe, rico e suave, como o aceite máis extra dos aceites saborosos.

É saboroso e engraxa as bielas, no dicir da xente, pero tamén no falar dos científicos. Estes de Córdoba co seu laboratorio, un dos máis prestixiosos a nivel internacional na certificación da calidade dos aceites de oliva no ámbito mundial, fan da zona de Quiroga o epicentro da produción e da arte de facer e de valorar o feito. Aceite para as tostas da mañá, para as patacas do xantar, para as sardiñas e para o tomate da merenda ou da cea. Para os da casa e para os de fóra, para todos os que queiran alongar o seu sorriso, chegar lonxe e atravesar as fronteiras co fociño aceitado.

Temos diversas variedades de olivas nas plantacións novas, coidadas e espléndidas; temos horta, clima, tradición e, polo tanto, experiencia como muiñeiros de fariña e de mosto. Imos como dicía Fiz Vergara, a "paso de boi marón", ao paso do muíño toleirón. Temos olivas bravas e mansas, autóctonas, adaptadas á nosa climatoloxía e ás características da nosa terra. Árbores de moitos anos e outras novas, recentemente plantadas, todas verdes, con verde oliva de Galicia. De quen son?

Verde oliva