Opinión

Viridiana xemía

VIRIDIANA, POLO seu nome, parece unha muller de tempos pasados, pero non, naceu a mediados do século vinte, estudou nun colexio de monxas, como todas as da época, e despois, na universidade pública, como as que podían. Estudou, rematou a carreira e botou mozo. Nunca casaron, pero agora que morreu Manolo, de repente e a unha idade inapropiada, deuse conta de que estaba namorada. Cada un vivía na súa casa e cando se xuntaban, un deles era visitante na casa do outro.

Ela tiña tres cans, dous pequeniños e ladradores, un teckel raxado, de pelo curto, liso e brillante, e un testalán bulldog francés negro, cunha grande pinta branca de garabata. O terceiro, máis ben a terceira, era una cadela terranova negra e de pelo longo, como todos os cans desta raza, fiel á ama, bonita e con cara e miradas intelixentes e cheas de dozura. El tamén tiña cadelo, un precioso palleirán vello, de doce anos, con tódalas características do can de palleiro de raza pura. En total eran catro cans para alimentar, bañar, limpar, coidar e pasear. Catro, a cada cal, máis bonito.

O maior, aquel can de palleiro era o acaparador das miradas: que bonito!, que pelo!, que elegancia de can!, que orellas ten!, que xeitoso, meu deus!, precioso!

O mesmo día do enterro de Manolo, o cura, un home de cantar melodioso, achegouse á muller para dicirlle que ela e Manolo eran matrimonio. Caseivos eu, dixo, Deus tamén o sabe. Así é que vai correndo e arranxa os papeis para que che paguen por viúva. Alá foi. Menos da unha pedra!, exclamou. E sen demorar moito, aproveitando as promocións para o Imserso, foise cos cans de vacacións.

O maior, aquel can de palleiro era o acaparador das miradas: que bonito!, que pelo!, que elegancia de can!, que orellas ten!, que xeitoso, meu deus!, precioso! Todos eran piropos para el e gabanzas para orgullo da ama. O xentío estaba aloulado diante daquela muller e os seus cadelos. "Un caso!", escribiu un coñecido xornalistas do diario local, nunha magnífica crónica que relataba o poderío e o coñecemento dos cans, facendo alusión ao que dicía Kafka, "tódalas preguntas e respostas atópanse no cadelo".

Viridiana, cando ía para a piscina ou para o comedor, ao ter que deixar aos catro cans no cuarto que compartían, naquel hotel de catro estrelas, suspiraba, xemía. Os cinco somos unha familia, dicía. Poucos a entendían e ninguén sabía que Manolo deixara, por testamento hológrafo, como herdeiro único ao seu can. A Tía Manuela non dá creto de tanta modernidade.

Comentarios