Opinión

Viva a memoria!

SAÍU DA casa e foi andando moi de présa para estación do tren. Non era estación, efectivamente, era un apeadoiro de pouca monta, un lugar escondido no medio dunha carballeira, a uns mil douscentos metros mal contados da aldea onde vivía coa súa familia e outras catro familias ben pequenas. Xusto cando estaba chegando, albiscou por entre os carballos como pasaba fumegando o tren no que quería marchar. Ninguén sabía para onde ía, nin a présa que tiña. Ninguén atopaba explicacións a aquela fuxida fracasada, a aquel intento de correr cara un tren que pasaba sen parar e sen mirar quen chega ou quen podía chegar.

Cando un se vai lonxe e pode non volver, del queda unicamente o recordo. Menos mal que mantemos respecto á memoria e que a temos tan grande como a dos elefantes

A veciñanza estaba sorprendida do intento de Brandán de marchar para lonxe, de subir sen billete a aquel tren que non paraba. Estaba doída pola perda do veciño que probablemente non volverían ver nunca máis. El tamén pensaba o mesmo e sabía que, ao seu retorno, unha boa parte dos que el coñecía e quería non estarían. Puta miseria de vida! Tristeza absoluta e morte seguida e dolorosa para os que quedan vivos. Os vivos e mortos son iguais, dicía. Cando un se vai, o que queda convértese decontado en exclusivamente memoria. A memoria?

Cando un se vai lonxe e pode non volver, del queda unicamente o recordo. Menos mal que mantemos respecto á memoria e que a temos tan grande como a dos elefantes. Xa o dicía a Tía Manuela, a memoria dos humanos é como unha carrileira sen fin, sen punto de destino, sen lugar a onde chegar. Aínda que Einstein insistía en que a memoria é a intelixencia dos tontos, os Galegos témola e queremos garantila e conservala. A pesar de que sexa a "inimiga mortal do meu descanso", viva a memoria!

Brandán volveu un destes días. Nada é o mesmo, non queda ninguén daquelas catro familias na aldea de onde marchara e non ten, para a súa grande pena, a quen contarlle as penurias que pasou para ir aquel día á estación do tren e chegar a tempo, acaso uns anos antes do debido. Está repetindo os pasos, pero non hai apeadeiro nin can que lle ladre. No seu lugar aséntase un enorme letreiro do ministerio do ramo, cunha mensaxe expresiva: "Estamos no Camiño do Futuro, non perda o tempo e avance connosco". A onde irán?, pregunta este infeliz emigrante, que xa está de volta.

Comentarios