Opinión

Para vivir ben, Galicia!

Una pareja contempla la playa de Augasantas, en Ribadeo. ELISEO TRIGO
photo_camera Una pareja contempla la playa de Augasantas, en Ribadeo. ELISEO TRIGO

A morte, se pensas nela, se recordas ao amigo no cadaleito camiño cara ao máis alá ou se ves ao teu pai deitado caladamente nun féretro de madeira nobre, diante dunha multitude de xente chorando, a morte —dicimos— fai estremecer a alma dos vivos, fai que se apague a luz e leva con ela a escuridade toda, toda a negrura da terra e do aire. Uns cántanlle dende o outro lado da ría, no púlpito da igrexa, no cruce dos camiños, na festa de fin de curso ou na corrobra daquel traballo acabado. Outros témenlle e escóitana, aínda sen dialogar con ela.

Se morre un vello e despois outro vello e, cando sexa o caso, morre unha bela amiga, todo é diferente, non se entende nada, non pasa nada e a morte chega e vai como se nada, como se fose unha fada vestida de negro e con saloucos de tristura morada ou negra. Tan negra como a morte súbita do cabalo ou a morte do amigo que se vai sen pausa e sen capacidade para o regreso.

Cando el morre, chora a veciñanza, suspira a súa mascota e ladran os cadelos antes de atender as ovellas. Na casa todos quedos, inmóbiles e sospeitosamente agarrados á tradición, ao costume de seguir tirando. Si, o costume de seguir andando ou de seguir mirando, para todo o que haxa que mirar e ver. Aquí, nestes tempos de gracia e risa, hai moito que explorar, moito que mirar e moito camiño para seguir.

E, despois da morte, de que falamos? As civilizacións primitivas servíanse de crenzas animistas que poñían alma inmortal e intelixencia a tódolos seres. Os mortos non poden converterse en nada, teñen que permanecer na memoria dos vivos, andar con eles e transmitirlles os seus saberes. A memoria e a esperanza en non perdela é moito do que queda. A morte é algo que non debemos temer, porque como dicía Antonio Machado, "mentres somos, a morte non é e cando a morte é, nós non somos".

O xesuíta Baltasar Gracián dicía, a principios do século XVII, que "a morte para os mozos é un naufraxio e para os vellos é a chegada ao porto". En Galicia o porto está máis lonxe e a xente para embarcar ten que vivir máis anos, igual que en lugares como Okinawa de Xapón, Cerdeña de Italia, Ikaria de Grecia, Nicoya de Costa Rica ou Loma Linda de California. Agora os expertos estudan esta lonxevidade e atoparon razóns na alimentación saudable, natural e de calidade. Si señor, para vivir ben, Galicia!

Comentarios