Martes. 21.05.2019 |
El tiempo
Martes. 21.05.2019
El tiempo

Aventura no Súper

O DÍA 8 de Marzo fun comprar o peixe ao supermercado e a moza que atendía miroume con cara de 8 de Marzo, como se fose un sinal. Pero antes tiven que mandar chamar por ela porque non había ningúen detrás do mostrador, como se fose outro sinal. E así era: un sinal de que había que ir chamar por ela. Fíxeno. Tiñan pouco peixe. Tamén me pareceu un sinal: aquelo comezaba a ser esgotador. Merquei rubio e robaliza, era un día de erres. Outro sinal. Erre que erre.

Como vou decidir eu a marca da peituga de pavo? Non estou nin remotamente adestrado para decisións tan importantes

A muller traballadora comezou a limpiar o peixe e eu fiquei flipando un anaco coas escamas que saltaban voando polo aire. Movía o coitelo cunha facilidade que espantaba e engaiolaba, todo ao mesmo tempo. E as escamas veña a dar chimpos. Despois púxose a facer o estrago habitual: arrincarlle as cabezas, limpalo por dentro... o caso é que eun non podía velo. Tiñan unha pequena mampara de metacrilato xusto á altura na que a rapaza desbrozaba o peixe. Teimei en pensar que era para agochar aquelas manobras tan crueis da vista dos clientes e seguramente estou no certo pero non llo quixen preguntar porque xa me fitara ela dun xeito raro cando me viu ollar cara as escamas voadoras.

Cando rematou, doulle aos cadáveres unha ducha rápida cunha billa de mangueira que sacou dalgunha parte, como se estivese a tirarlle o xabón ao coche no túnel de lavado. Tamén contemplei a escena con aceno enfeitizado, que é como contemplo eu estas cousas cotiás pero marabillosas. Meteunos nunha bolsa, púxolle o prezo e arranquei.

O meu seguinte destino era a charcutería. Non a carnicería. Tiña que mercar peituga de pavo natural e iso non se merca na carnicería. Hai que ser langrán para ir mercalo na carnicería, facer que flipe o carniceiro e que finalmente leves para casa algo que non é peituga de pavo natural nin rabo de gaita e te sintas, por vez cento quince millóns catrocentos dezasete na túa vida, un inútil de manual.

De tal xeito que vou para a carnicería envolto nos meus pensamentos porque non teño nin idea de cales son os dos demais nin se sabería envolverme neles, e cando chego ao mostrador boto unha ollada a todo canto alí hai. Xa é de parvos, porque eu só ía mercar peituga de pavo natural. Miro os produtos un a un, coas correspondentes etiquetas e, cando remato, a sobreexposición a tal cantidade de información fai que xa non lembre que tiña que pedir. A charcuteira fítame como fixera Manolete diante do seu último touro. Digo, nun instante de lucidez extrasensorial: "Peituga de pavo". "De cal?". "De cal?", repito coma un parvo. Temos esas marcas, e sinala o recuncho das peitugas de pavo, postas adrede para desorientar a tipos coma min. Tatexo, en voz baixa. Non sei... digo con voz afogada. Como vou decidir eu a marca da peituga de pavo? Non estou nin remotamente adestrado para decisións tan importantes. A responsabilidade está a facer que me falte o aire, noto palpitacións... dígolle que siga despachando, que non o teño claro. Evito mirala porque non quero ver que cara pon, aínda ca imaxino e iso é aínda peor. No fondo do meu maxín latexa a idea de que non era iso o que tiña que coller. Iso das marcas non me cadraba.

Marcho daló a outro corredor e tiro do peto o móbil nun recuncho, como se estivese a traficar ou algo. Consulto coa miña dona o misterio da peituga de pavo e as marcas e queda resolto nun plisplás, que lista é ela: só teñen unha marca de peituga de pavo natural, aparvado, que es un aparvado, ti pide peituga de pavo natural e xa está, mira que es miñaxoia. "Non o digas como se fose un defecto", quero responder copiando a Miro Pereira en Pratos combinados, pero xa colgara.

Era peituga de pavo natural, dígolle á da charcutería, que non agocha un sorriso e faime sorrir, porque así somos todos, amables cando son amables con nós. Dígolle canto quero e doulle as grazas de corazón pola súa paciencia. Ela di "a ti" e marcho de aló namoradísimo. Despois paso todo pola caixa e dispoñóme a pagar. Se non fora porque esquecín levar a carteira.

Aventura no Súper
Comentarios