Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Berros na cociña

O NENO de O sexto sentido” a día de hoxe diría: "As veces vexo cociñeiros"”. Non direi que os temos ata na sopa (porque o vou dicir mais abaixo) pero si que nos saen polas orellas. A vida enchéusenos de receitas, o mais parvo sabe facer un suflé (xa lles digo que é todo que se poida facer con claras de ovo e salsa bechamel) e non hai bar que vaia adiante vendendo pratos combinados.

Hai un tempo vin un home gordo na televisión. Tiña pinta de ir coller unha rebarbadora en vez dunha manga pasteleira, pero as aparencias enganan. Vestía de arlequín, coma un xogador do Arousa, e berraba coma un descosido a unha pobre xente que estaba a traballar nunha cociña. Pronto souben que se facía chamar Chicote, porque ese é o seu apelido. O cal é unha mágoa, porque non me podo meter con el por apelidarse dese xeito: non ten a culpa. Xa bastante ten con levalo a rastro, como para meternos con el. Con faciana de bruto, ademáns bastos e bucinazos a eito, fixo historia no mundo da cociña televisada (ese que dun tempo a esta parte parece que é o único que existe)

Seica o berrador Chicote destacou por dar a coñecer a cociña de Fusión en España. Aí si me meto. Imos ver. Dixemos cociña de fusión, non de infusión, que é o primeiro que un pensa. Trátase de que comezou a fusionar produtos asiáticos con outros tradicionais nosos. Por exemplo, nun restaurante que levou, dedicouse a mesturar a cociña xaponesa coa española. Por vicio, mais que nada. O caso é que tivo éxito e supoño que a partir de entón xa se enviciou de todo. Despois deu o salto aos medios de comunicación, porque el o que quería era dar berros e ao carallo. Traballou na Sexta en Pesadilla en la cocina. O nome estaba mallado.

Despois conseguiu o mais grande recoñecemento que se concede neste país a un presentador: retransmitir as badaladas de fin de ano en 2012. O de “"presentar”" as badaladas sempre me fixo graza: “"aquí as badaladas, aquí unha audiencia"”. A escolla foi axeitada: imaxinen que hai problemas co son e hai que dar catro berros... pero fagamos historia.

Todo comezou por culpa de Carlos Arguiñano, en 1991. Ao cociñeiro vasco déronlle un programa na TVE1 o mesmo ano en que Ruiz Mateos compraba o Rayo Vallecano. Seis anos despois Arguiñano era famoso e querido en todo o país e o outro se disfrazaba de Superman diante dos xulgados. Así é a vida neste terriña que nunca perdeu un aquel pandereteiro. Arguiñano despois saltaría de cadea en cadea, sairía en varias películas, seguiría a contar chistes malos e todo sen deixar de dicir "“rico, rico”" a súa meirande contribución ao arte culinario, polo que a min respecta, claro. Tamén escribiu libros e promocionou a cociña española por Europa e Sudamérica adiante.

Chicote debeu pensar, eu tan guapo coma este aínda che son, e decidiu pois iso, non ser menos.

Pero temos que ser xustos. Alberto Chicote é un auténtico animal mediático, un home que comunica moi ben e tamén un actor consumado. Ademais de ser un crack en asuntos de cociña, claro. Con todos estes ingredientes é lóxico que o teñamos ata na sopa. Porén, nin un chisco de envexa debemos sentir os pontevedreses. Nós temos a Pepe Solla, que tamén comunica ben, é un fenómeno no seu, de mellor planta ca os outros e aínda por riba rockanrolea. Ten todo o que se precisa para rachar nun programa destes. Se cadra o que lle falta é poñerse a dar berros...

Berros na cociña
Comentarios