Opinión

Carné da biblioteca

ONTE PASEI por diante do IES Torrente Ballester e unha pintada a carón da porta principal chamou a miña atención. Eu son moito de que algunhas cousas me chamen a atención, por dúas razóns: por curiosidade e por parvo. Sobre todo por parvo. Porén, neste caso foi a curiosidade a que me levou a ler a pintada. Era ben grande e estaba feita sobre un fondo gris con grandes letras negras en caligrafía minúscula. Dicía: "Se queres ser punk non serve con ter unha camisola dos Ramones, necesitas un carné da biblioteca". E no lado inferior dereito líase: Sés. O meu maxín de parvo ilustrado enseguida me fixo pensar en que aquela era una frase procedente da cantautora coruñesa María Xosé Silvar, Sés. E fíxome graza que estivese a frase chantada diante dun instituto de secundaria precisamente porque falaba de camisetas dos Ramones e de carnés da biblioteca, elementos cos que teñen moito que ver os estudantes de secundaria, xenéticamente deseñados para procurar dos primeiros e afastarse dos segundos.

Ter carné da biblioteca, e usalo, vai ser o que diferencie no futuro a uns parvos dos outros, porque do de parvos xa non hai quen nos libre. Eu, parvo por vocación e por destino, considérome un adiantado aos tempos. Chegará un momento no que no mundo non haxa nada máis practicamente que sistemas de produción e parvos a tempo completo. Algúns destes terán carné da biblioteca e outros non. Algúns serán conscientes da súa condición e os outros comerán gominolas. Algúns escoitarán en vellos trebellos a música de Sés e os outros estarán subscritos a unha canle que escollerá a música por eles.

Están xefazos dos mossos a ver se lle abren un expediente (por que non lle poden abrir a cabeza, ai) a un dos seus que lle dixo a un idiota que teimaba conque estaba alí para defender á República "a república non existe, idiota". Ollo, no é o mesmo ser parvo que ser idiota. O asunto este é como imputar por inxurias a un tipo que se mete co xastre do invisible traxe novo do emperador. Ou sexa, a loucura encadernada en fascículos.

"Eu era un tonto e o que vin fixo de min dous tontos". Así titulou Rafael Alberti un dos seus poemarios e así vou rematar eu esta pequena parvada. Salvo que decida prolongala. Por exemplo, e xa que falamos de bibliotecas, para citar unha estatística digna de análise: a media de lectura no noso país é do 96'1 % entre maiores de 14 anos. O 73,9 le periódicos, un 67,2 libros e un 56% le textos de certa extensión en internet. As mulleres len máis libros, revistas e nas redes sociais; mentres que os homes lemos máis prensa, cómics e blogs, webs e foros. Todo isto procede do Barómetro de Hábitos de Lectura y Compra de Libros 2018. Tamén din que, no ámbito das comunidades con lingua de seu, o 4% dos lectores preferiría ler os libros en galego, o 34,9 en catalán e o 5,4 % en eúscaro. Unha cousa parece clara: o apoio do goberno da comunidade catalá á súa lingua parece ter máis éxito ca o que se obtén noutras áreas xeográficas. En Galicia, a ratio de lectores de libros no tempo de lecer é inferior á media española. E o 32,2 % da poboación entre 14 e 24 anos di que non lle gusta ou non lle interesa ler. Está clarísimo que algunha xente le polos outros que non o fan.

O certo é que a lectura non é algo que se relacione de boas a primeiras (nin de segundas, nin de terceiras) co éxito social ou coa riqueza material. O mais de moda que chegou a estar unha estatística de lectura foi cando a biografía de Belén Esteban (a ex máis ex de todas as ex) "Ambiciones y reflexiones" acadou en 2013 o primeiro posto en ventas. Todo o mundo falaba daquel dato, entre espaventos de horror. Ninguén confesaba telo comprado ou lido, foran os marcianos ou os telespectadores da 2 de TVE. "Míreme miss / aquí somos así" confesaban os Ciudad Jardín.

A frase de Sés non é senón outra xenialidade máis, pois enfronta a posesión dun pasaporte á lectura co postureo da camiseta dun grupo mítico (do que non sabe case nada os posuidores da prenda). A diferencia entre "ter" é "ser" (punk neste caso) que resolvera xa Lao-Tsé: "A maneira de ter é ser".

Comentarios