Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Castañas e esmolas

A xente vai á Ferrería (os tradicionais, hai outros emprazamentos) e merca un cornete de castañas como se precisase dese ritual para enxaugar os restos de verán que aínda levasen nos ollos. Diante do posto de castaña con figura de locomotora do tren, a xente colócase en ringleira, como se fosen comungar un cornete de castañas. Vanse con el na man como a hostia sen consagrar que santifica o outono.

As cousas pasan pero tamén quedan. Algo sempre deixan. As vilas teñen unha historia de ritos que teñen que ver tanto co territorio como coa memoria, costumes que nos atraen cara o seu vórtice e das que nos deixamos levar porque nos fan a vida máis agradable, ordenada e se cadra entretida.

Unha vez vin a unha muller dar unhas castañas de esmola, mercadas facía uns segundos, coa mesma naturalidade coa que o seu interlocutor mendigaba, o cal é de salientar, porque ás veces os mendicantes despregan unha panoplia de acenos e mexericadas que moven mais ao noxo ca a compaixón. Foi un xesto non cativo: seguro que lle custaría menos botar un par de moedas das que so fan vulto no peto en troques daquel manxar que desexaba degustar sen máis demora.

Que somos todos nós mais que moinantes que piden esmola ao tempo, desexando que camiñe máis a modo que nós, tentado coller o costume de morrer algún día? E somos nós os que ás veces acadamos algo que nos levar á boca, en vez da ferralla miúda que axiña esvaece. Algo que nos alimenta e nos fai soñar ou gozar ou deixar de desexar. Agora podemos fala disto un anaco: do desexo.

Vivimos nunha sociedade global que se constrúe arredor dos desexos. Estes son o motor das vidas pero tamén a enerxía que o alimenta. Desexámonos uns aos outros, e construímos comunidades piramidais comezando por dúas pezas; desexamos cousas, obxectos, e así facémonos produtores e consumidores; desexamos comprender que somos, quen somos, e así entramos nunha dimensión espiritual que escollemos ou nos escolle.

Pero o desexo tamén pode escravizar, tamén ten un camiño cara o medo, unha potencialidade alienadora. Saber gobernar os desexos é saber gobernarse un mesmo, prostituírse é deixarse enredar polo fío da historia que narran outros, servindo aos seus intereses a cambio dun sucedáneo da felicidade. As historias do cine, os relatos de ficción, as obras de teatro... fálannos dende cedo de protagonistas que, chegados á metade da súa vida, comezan a sentir a necesidade de repensar que é o que fixeron con ela tanto como o que foi que ela fixo con eles.

Chega un tempo no que hai que conxugar o verbo reflexionar en primeira persoa porque é xa unha das poucas actividades de risco ao teu alcance. Cando o obxecto das reflexión propias é un mesmo, o mellor é ter o cu pousado nun banco da Ferrería e nas mans un bo cornete de castañas. E ilas dirixindo cara unha mastigación que vaia puntuando as frases coas que o pensamento debulla o cosmos interior. Ao mesmo tempo, o propio feito de comer as castañas quítalle seriedade aos acenos existenciais. Como é ben sabido, pasar unha tarde de outono nun banco da Ferrería é como revivir a Kierkegaard, un gran tipo a quen Faemino e Cansado fixeron un fraco favor. Mercar un cornete de castañas e entregar un par de elas como esmola é un xesto que desafía a lóxica materialista, un xesto revolucionario.

Castañas e esmolas
Comentarios