Opinión

Contra novembro

NOVEMBRO XURDE a cabalo entre a nostalxia que percorre outubro coma unha egua con triste cabalgada e a friaxe de decembro, que sempre sabe a festa e despedida. Novembro é, porén, un neno orfo que vai de penúltimo na lista de sucesos. Xa o momento que escolle para nacer, despois da noite de Samaín, vén dar unha idea de que máis ca un mes é un agoiro. En Uruguai celebran un Novembro azul adicado á prevención do cancro de próstata. Vaites, vaites. Vade retro! En cambio por aquí Novembro é o mes das causas perdidas. Vai parecer que é coña, pero é certo: día nacional do libro (12), día sen alcol (15), día internacional para a tolerancia (16) e día internacional do home (19). Se cadra non perdidas de todo, pero bastante extraviadas.

Menos mal que neste mes temos tamén o magosto. Adoitábase celebrar o día primeiro pero seica en Ourense maduraban máis tarde as castañas, polo que acabou atrasándose para o día 11, San Martiño.

Murguía relacionaba esta festa cos defuntos, considerándoa un banquete funerario: as castañas simbolizarían a morte e o viño novo a vida. Non se sabe exactamente que tipo de substancias adoitaba fumar Murguía

Ademais das castañas, o viño novo é o outro protagonista histórico do magosto. Murguía relacionaba esta festa cos defuntos, considerándoa un banquete funerario: as castañas simbolizarían a morte e o viño novo a vida. Non se sabe exactamente que tipo de substancias adoitaba fumar Murguía.

Unha boa forma de comprender a importancia dun mes do ano no imaxinario colectivo é a de revisar as creacións culturais arredor dese mes. Nada máis popular dentro da cultura ca música pop. E aí temos a setembro, xerando cousas como September, daquel combo funky chamado Earth, Wind & Fire, que no ano 1978 puxeron a medio mundo a bailar; ou a Neil Diamond, un tipo que, con só lembralo, deixa na meirande insolvencia aos maluma, daddy yankee, j balvin de agora nada máis soar as notas iniciais daquel September morn de 1979. Ou September gurls (1974) a cargo daquela banda de power pop que tiña ao fronte a Alex Chilton chamada Big star.

Que podemos dicir de novembro. Se cadra lembrar November rain, unha das cancións máis coñecidas de Guns and roses, un marabilloso grupo para os fans de Guns and roses. Esta canción é de 1991, e de aínda máis tarde son November blues dos Avett Brothers (2002), Mr.November de The National e November has come de Gorillaz (2005). Podemos rastrexar ata 1993 na discografía de Tom Waits para atopar November. Está claro, pois, que históricamente os músicos prefiren setembro como mes no que inspirarse e que só nas últimas décadas atopamos zumbados capaces de facerlle cancións a novembro.

Por certo, que o nome deste mes deriva do latín novem (nove) por ter sido o noveno mes do calendario romano. O día 2 é o Día de los muertos en México e Día de Defuntos en moitos países do mundo. Isto xa era sabido pero había que poñelo igual, igual que hai que falar do 20-N, o aniversario do pasamento do ditador peor soterrado de todos os ditadores soterrados.

Non hai peor cousa para un mes que o feito de que a xente deveza por que chegue o seguinte, talmente o que lle pasa a novembro. Se despois de que ti marches vén un mes que promete vacacións para os estudantes e profesores, papatorias de empresa para os traballadores, larpeiradas e xantares en familia, agasallos de papá noel e, en xeral, días de viño e camelias; non tes moito que facer, agás lamentar que caeses nese lugar do desfile dos meses.

Se por algunha estraña razón todo isto semellase pouco, aínda temos máis. Está tamén a historia do cambio ao horario de inverno, que ten lugar o derradeiro domingo de outubro polo que en realidade é novembro o primeiro mes que ten que padecer as consecuencias. Os días que se converten en noites a media tarde, esa sensación de que a vida fíxose máis curta de súpeto. Xa non sabes se queres merendar ou é mellor que prepares a cea. E incrible como se deteriora a existencia dun homo sapiens en novembro. Outubro ten o seu Outubrofest, e as penas con cervexa son menos, como ben saben os bebedores de cervexa (e toda a xente de ben) pero, novembro? Se cadra todo está aí: en inventármonos unha festa para novembro, unha monumental polbada regada con viño novo, non sei, unha borracheira receitada pola seguridade social e financiada por concello e Xunta.

Comentarios