miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Coroavirus é así

O COROAVIRUS chegou a Galicia moi a última hora, como o AVE (só que este aínda non chegou e se cadra non chega) despois de que en outras partes de España teñan ducias de médicos en corentena ou suspendan competicións deportivas. As cousas modernas tardan en chegar aquí.

Por certo, non vos soa coroavirus como escornabois?, ou sapoconcho? Aí hai certa semellanza no tratamento lingüístico. Ata o nome o temos controlado nós. E iso que unha das desvantaxes do tratamento mediático deste tema e o descontrol, mira ti. Perdemos o control de información que pasa a circular en segundo ou terceiro grao de importancia, como a que sinalaba que a fiscalía anticorrución viña de pedir datos a Suíza sobre 100 millóns que Juan Carlos I recibira de Arabia Saudí. As cousas dos borbóns son como ás dos virus estes: cada certo tempo temos novidades desagradables.

Non sabemos en que acabará ningún destes asuntos, nin o do coroavirus ni o das cousas do borbón, pero semella que van ir a peor. Gustaríanos a todos vérmonos libres dos virus estes (coroavirus e outros), e a moitos tamén dos borbóns.

Non vou seguir coas similitudes, porque non. Aínda que si vou rexeitar dende aquí o argumento de que os borbóns son necesarios porque España está a piques de romperse e eles, como é sabido, posúen o mellor e máis duradeiro pegamento que se pode atopar no mercado. Outros pensamos que, das cousas que pouco a pouco imos deixando atrás dos tempos da ditadura, a monarquía é unha das que máis está a custar.

Pero, seguindo co coroavirus, cómpre sinalar que é un virus máis dos que ciclicamente se nos descontrolan, mudando de animais a persoas e case sempre porque hai xente que come bichos que non debería. Aínda que tamén hai quen di que son ceibados para que fagan das súas e proben esa teoría de que "canto peor, mellor". Está claro que sempre imos topar quen se beneficie destas pandemias, aínda que a economía global se arrefríe. O que temos claro é que dan noxo. Cando chegan, xa a ninguén se lle escoita aquilo de "de algo hai que morrer". Primeiro porque iso só o di xente que está a fumar ou a comer e beber sen medida e segundo porque só é unha fanfurriñada: cando chega algo que pode matarte axiña… amiguiño!

No ano 1982 e dende o seu álbum Prohibido matar a los gatos o marabilloso Gato Pérez cantaba Vuelve el virus; porén, o arxentino afincado en Barcelona falaba doutro tipo de virus: "Vuelve el virus / vuelve el virus / ese virus milagroso / inquietante y curativo / del amor…". Si, é un pouco jetas meter aquí esta letra pero por Gato Pérez, o que faga falta. O virus do Gato era un virus salseiro e curativo, pero o coroavirus non. É un virus que se propaga con menor axilidade que as novas sobre el, o cal conduce ao alarmismo e á provisión de máscaras sanitarias come se estivésemos nunha secuela de Mad Max. O medo é libre e co medo a este virus pasa como coas meigas, que nos cremos nelas pero habelas, hainas.

O coroavirus non é o ébola, pero paréceo, a xulgar polas reacción de algúns. Eu aférrome ás palabras de don Ángel Gil de Miguel, catedrático de Mediciña Preventiva e Saúde Pública da universidade Rey Juan Carlos, que dixo: "La magnitud del problema del coronavirus no será diferente a una gripe". De feito, estou pendente de pescudar onde vive para irlle reclamar no caso de que se equivoque...

Coroavirus é así
Comentarios