sábado. 14.12.2019 |
El tiempo
sábado. 14.12.2019
El tiempo

Cousas da tele

DEIXO ESVARAR o polgar dereito pola superficie irregular e gomosa do mando a distancia gozando ma non troppo do tacto suave das teclas ata que fago brotar na pantalla un programa chamado Durmindo co seu inimigo que, ao parecer, vai pola cuarta tempada.

Axitado e insatisfeito, premo o botón que conduce ata o seguinte. Trátase de Vivindo cun asasino, tamén na cuarta tempada. O que podería ser unha broma televisiva ou un desorde óptico ou un brote dunha deterioración cognitiva precoz, confírmase como unha dupla xemelga de reality-shows sobre desgrazas conxugais provocadas pola psicose dun dos cónxuxes. Nada, o de todos os días.

Se cadra gústanos axexar na vida dos demais aínda que sexa unha vida televisada, ou unha vida reconstruída por culpa de que hai que contar unha desgraza que lle aconteceu a unha parella

Estes edificantes programas que, para empezar, cumpren a función social de ilustrar sobre patoloxías que nunca podemos estar totalmente seguros de que non vaian un día a se manifestar na súa parella ou nun mesmo, non están o suficientemente valorados. Teñen espectadores, que se non a ver como chegan a facer catro tempadas, pero dubido que todo o mundo aprecie na súa xusta medida a necesidade de informarnos sobre o día en que podemos afiar un coitelo de xamón para cortar en toros ao noso ser máis querido.

Vou confesar. Pensei seriamente poñerme a ver cinco minutos de Durmindo co seu inimigo ou de Vivindo cun asasino (botaría a sortes). Repartindo o tempo en varios días, claro, non é cuestión de poñer en perigo as escasas neuronas que manteño con vida. Pescudei grazas a ese motor de procura que vostedes xa saben, que os casos narrados nestes documentais ou o que sexan sucederon en Estados Unidos. O que non pase alí non pasa en ningures. Os norteamericanos serán o que sexan, que son moitas cousas e de todo hai na viña do Señor e alí teñen viña para dar e tomar, pero como experimento de ata onde poden chegar os sapiens, os ianquis son record mundial ano tras ano. Eles fixeron Porky's e Titanic, por exemplo. E ademais coáronlle esta última a medio mundo. "As parellas protagonistas demostran que nin a pasión nin o afecto importan cando o teu gran amor convértese nun problema". Así, cargando un pouco as tintas (polo de gran amor) publicítase isto na internet. Descoñezo cal é o público ao que se dirixen estas producións, pero isto non quere dicir nada: a xente parece normal e logo ve Gran Irmán e A illa dos famosos. E o que é peor: gústanlles. Efectivamente: que un artefacto televisivo estea quilómetros por baixo da indixencia intelectual máis absoluta non se pode comparar co feito de que seres humanos vivos estén a gozar do mesmo. Aquí non vale o rolo politicamente correcto de que todos os gustos son respectables e tal. Aquí hai que aplicar o refrán aquel de "come merda porque dez millóns de moscas non poden equivocarse".

Non sei se son millóns ou milleiros os suxeitos que devecen por estes programas de dixestión tan calamitosa que chegan a ser comparados coa comida basura, pero sen eles non existirían empresas que os patrocinaran e sen ellas, non habería quen xuntara á xentiña esa para pintar a mona en directo.

Se cadra gústanos axexar na vida dos demais aínda que sexa unha vida televisada, ou unha vida reconstruída por culpa de que hai que contar unha desgraza que lle aconteceu a unha parella (a desgraza máis repetida das parellas: deixar de selo). E se cadra gústanos porque mentres ollamos as miserias dos demais esquecemos as nosas miserias, prodúcese ese efecto catártico que buscaban os antigos gregos co teatro.

Dun xeito ou outro, nunca é tarde para premer un botonciño do mando a distancia e quedar perplexos. A televisión pode ensinarnos moitas cousas sobre nós mesmos, se permanecemos atentos ás pantallas, como adoitan pedir na súa publicidade.

Cousas da tele
Comentarios