Opinión

Ence forever?

HAI CIDADES míticas, semellantes á nosa. A maioría delas, na ficción. Por exemplo Castroforte de Baralla, que levitaba na novela La saga-fuga de JB de Torrente Ballester. Claro que o escritor ferrolán, segundo os expertos, inspirouse en Pontevedra (onde viviu).

Pontevedra tamén levita. Vive no ar, suspendida nunha conta atrás que é a nai das contas atrás galegas. Pontevedra vive á espera do 2018, o ano no que remata a concesión dos terreos a Ence.

No tema Ence AÍ vs Ence FÓRA algúns temos un dilema. Vexo razóns a favor e en contra das dúas posturas. Para telo mais claro, gustaríame ter respostas a dúas preguntas: 1- que vai pasar cos terreos que ocupa a factoría? 2- cales son as cifras reais sobre o nivel de contaminación actual?

Está claro que é moi difícil acadar unha resposta satisfactoria a tales cuestións. Se cadra, se un estivese apuntado ao paro en vez de ter un traballo fixo, resultaría mais doado ser partidario de deixar sen sustento a case catrocentas familias. Non o sei. É o argumento que está a empregar o PP para defender á prórroga, e para min é un argumento coma a copa dun eucalipto. Pola contra, os que falan de que a fábrica e un freo á expansión da cidade cara Marín teñen mais razón cun santo.

A política de comunicación da pasteira mudou nos últimos tempos, ao ter entre as súas mans un ben escaso agora mesmo: os postos de traballo. Así, o director do centro de operacións de Ence, declarou en Xuño que a única alternativa á continuidade era o peche. Non se dixera antes tan claro ni por parte da empresa ni pola dos seus detractores. Durante moito tempo unha das ideas de corte ecléctico foi “trasladar a fábrica”. Como se fose a fábrica de Pinypon e todo se amañase con poñerlle unhas rodas e buscar un sitio para esquecerse dela.

Temos ademais que Ence non só vende pasta, senón que ingresa moita. Tivo os suficientes beneficios no medio século que leva en Pontevedra como para ter investido moito mais do que investiu, tanto en solucións medioambientais, como na propia cidade.

Se finalmente queda aí, este tería que ser o camiño: minimizar o impacto medioambiental e investir en Pontevedra; que queden aquí unha porcentaxe dos beneficios xa que aquí a temos. Sobre isto, habería tamén que preguntarse se os cartos dedicados a minorar o impacto contaminante terían sido os mesmos de non ser pola presión en contra que liderou a APDR. Ninguén lle quitará a este colectivo ese servizo á cidadanía.
No medio do debate están os políticos, mudando de postura co vento; agás o BNG, que avogou porque que se fose dende os tempos nos que dicía que a autoestrada do Atlántico era “unha navallada para Galiza”.

Reivindico o dereito a manter dúbidas sobre o mellor destino para a fábrica, sobre todo cando partidos políticos gobernados por mentes mais claras ca miña mudan de opinión co paso do tempo (PP) ou non a teñen clara (PSOE). O referendo paréceme como coller os cachelos con pinzas, porque queiman.

Bótase en falta un plan concreto para eses terreos ou para os postos de traballo que se perderían (incluso se podería estudar unha solución que vencellara unha cousa e a outra). Tempo houbo dabondo para iso. Pódese chegar á conclusión de que a política da confrontación, a que pode dar mais réditos, ten moitos adeptos neste país. Tanto observar os conflitos dende o ángulo político fai que se esquezan as necesidades verdadeiras.

Vai decidir Madrid (o informe da Xunta non é vinculante). A cousa está ademais enleada cunha sentenza pendente no Supremo. Mentres, agardaremos en vilo. Ou levitando.

Comentarios