Opinión

Entroidada

Este ano imos ter Entroido dabondo: despois do de febreiro virán as eleccións do 5 de abril

CHEGOU O ENTROIDO e algúns din que o momento de poñerse as máscaras. Tamén podemos pensar que é o momento de quitar as que levamos todo o ano e revelar algo de nós, xa dende a mesma escolla do noso disfrace. En efecto, aquelo que eliximos á hora de simular que somos outros, en realidade está a contar algo de nós, dun xeito inconsciente. Por exemplo, a xente que se vai disfrazar de Satisfayer nestas datas está mandando unha mensaxe ben explícita de por onde lle aperta o zapato... e levándoo máis aló, poderíamos aventurar que son persoas que acollen no seu ser interno un grande desexo por contribuír á felicidade da humanidade (dos demais e de si mesmos).

Reflexionemos sobre isto, pero non demasiado, que o importante é pasalo ben. O importante sempre é pasalo ben, gozar da vida e todas esas cousas que todo o mundo nos desexa, comezando polos presentadores dos telexornais cando despiden estes. E se cadra están equivocados e non é iso, ou polo menos no só iso, o que ten verdadeiro valor na vida. Este texto vai estar cheo de ambigüidades, xa o aviso. As certenzas están sobrevaloradas. Ademais as certenzas de hoxe en día séntanse no pedestal das aparencias, e estas enganan, como todo o mundo sabe. Nunca enganaron tanto e nunca tanto se deixou nas súas mans. A famosa frase atribuída a Julio César de que a muller do César non só debía selo senón parecelo, hoxe en día quedaría mancada da primeira parte. Con parecer algo abonda na sociedade do espectáculo, na sociedade das novas viralizadas, na sociedade da información que se move a velocidades estratosféricas, na sociedade das fake news, na sociedade desinformada por exceso de información.

Cando chega este tempo, lémbrome sempre da Cantiga para unha antroidada de Fuxan os Ventos, que é en realidade un alegato antiautonomista que fala de xente que muda de pel e viste a de ovella por riba da de lobo: Andan con peles de ovella / cantando falsas gabanzas /os lobos de anos pasados baixan na noite calada. Este tema, do ano 1978 (E, algúns deles andaban / trasquiando galeguistas / pra non perderen a manda / fixéronse autonomistas) critica tamén aos que teñen a nosa como un recurso cosmético (pero non dubidan en lexislar en contra dela).

Este ano imos ter Entroido dabondo: despois do de febreiro virán as eleccións do 5 de abril. Tempo das máscara e das mascaradas, tempo da simulación e das aparencias. Tempo dos finxidores (e polo tanto tempo dos poetas, se seguimos a Pessoa, que deberiamos). O caso é que cando remata o baile de máscaras, os parvos de sempre temos que aturar aos listos de quenda. E o que se chama democracia ou, como dicía aquela vella, demogracia (a gracia do demo). A democracia, un sistema político que, a xuízo de pensadores como Daniel Innearity, está desfasado. Di este filósofo (un dos 25 grandes pensadores do mundo para Le Noveul Obsrvateur) que ao sistema cómprelle unha redefinición, que a sociedade onde naceu, hai trescentos anos, mudou abondo. Por exemplo: dunha época onde as institucións estaban acostumadas a dar ordes estamos nun mundo no que ao que máis tempo lle teñen que adicar é a aprender. Innearity explica o éxito de xente reactiva á reflexión como Trump ou Boris Johnson polo feito de ofreceren solucións simples e concretas a problemas complexos. Amósanse (iso xa o digo eu) sen máscaras, tal como son: planos, a unha poboación que devece por solucións máxicas que poida comprender. Este reducionismo explica para Inneatury o fracaso no conflito catalán. Non debería ser imposible, di, facer compatible a unidade da que fala a Constitución cunha redistribución distinta do poder. O problema é que existan en ambos bandos aqueles cun liderazgo tal que poidan explicarlles aos seus que pode haber algo mellor cunha vitoria, como é un gran acordo.

Mesturar a política e o Entroido ven sendo, por desgraza, un asunto que cada vez se fai máis habitual. Lembremos a sesión de investidura en Xaneiro, Suárez Illana dándolle ás costas enfurruñado a unha deputada de Bildu, Casado chamándolle sociópata a Sánchez... aquelo deixaba en chiste o Domingo Fareleiro de Xinzo! Podemos, entón, concluir que vivimos nun entroido permanente neste país onde aínda están no cárcere uns cantos políticos por argallar unha entroidada maiúscula en Cataluña.

Comentarios