Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Falando enténdese a xente

O outro día pasou algo no facebook. Ou sexa, pasou na vida tridimensional, pero foi recollida no facebook, que é onde acaban os feitos relevantes. Coa evidente vantaxe de que a xente no facebook non minte, como moito, esaxera.

Unha amiga retuiteou no facebook (se tal cousa é posible) unha entrada da escritora e tradutora María Reimóndez. Contaba esta que a chamaran dunha empresa de Mos que fabrica envases de plástico para encargarlle unha tradución do alemán. Como queira que o cliente falaba castelán e ela se expresaba en galego, o primeiro decidiu, tras intentar facela cambiar de idioma que non era a persoa idónea para o traballo. E colgoulle deixándoa coa palabra na boca. Unha palabra en galego, clara, aínda ben puidera ser que fose unha palabra que ambos idiomas comparten. Porque estes idiomas comparten orixe e moitas outras cousas, algo que tamén acontece cos seus falantes. Ambos idiomas teñen, por exemplo, falantes intelixentes, falantes parvos de remate, falantes soberbios, falantes tolerantes e falantes que estaban mais guapos calados.

Eu entendo moi ben aos galego-falantes, refírome aos galego falantes fulltime, refírome aos que se senten minoría nun país no que maioritariamente se opta polo castelán en todos os niveis sociais dun certo rango e nos ámbitos público e privado. Habitante dunha terra na que á única canle que emprega o galego como lingua vehicular é denigrada como Telegaita. Este nome aldraxante sempre tivo unha intencionalidade clara: os que llo puxeron non alcumaron outras opción televisivas moito bastas.

Eu entendo ben a carraxe de ter que pelexar porque a lingua da túa terra, a lingua dos teus avós, a lingua maltratada, teña o pulo e o sitio que merece. Cando iso debera darse de seu. E non podo lembrar certos feitos dos gobernantes que teñen a obriga de facer todo iso e o único que fan e destruíla. Reducila ao ritual folclórico, ao estatus de lingua paripé que falamos nos actos oficiais nos que asinamos decretos que nos evitan a noxenta tarefa de coidala e promovela. Nunha terra á que se lle extirpou a súa lingua e se lle botou aos mastíns. Iso son feitos. Ou, mellor dito, desfeitas. E agora quen debería lavar as feridas e curalas, di que iso non importa. "As linguas evolucionan e algunhas desaparecen" escoiteille dicir a un cranio privilexiado. Si, por arte de maxia.

Ben claro está que aquí o asunto non é facela desaparecer, senón convertela en irrelevante. Mais aínda.

"Son os falantes os que elixen": claro, papán, e sempre elixirán o que se lle presente coma mais atractivo, mais desexable socialmente, mais prominente e mais necesario.

Tamén atopo contraproducente empoleirarse, victimizarse, emparanoiarse e acabar facendo a chorrada esa que fixeron os de Galicia Bilingüe: chorar por todas as esquinas. O día en que os nenos entren nas aulas con andares precavidos, fitando a un lado e outro, procurando atopar sinais claros de que alí non lles van impoñer o galego... ese día igual saio ao balcón e dou un aturuxo.

Os estremeños se tocan, dixo Jardiel Poncela, un sabio madrileño.

Eu entendo de marabilla a rabia das persoas como María Reimóndez, que sofren discriminación por falar a lingua propia deste sitio. E danme ganas de ir empresa por empresa, comercio por comercio, hotel por hotel, a todos os establecementos públicos da nosa terra que non acepten o noso idioma, ou aos que o aceptan como quen o fai cun fixo súbitadiminuído. Irmos trinta, corenta, cincuenta voluntarios, todos á vez, todos a falar galego á vez en trinta, corenta, cincuenta locais á vez e provocar ingresos masivos en sanatorios e hospitais por exposición súbita a unha lingua maldita.

Falando enténdese a xente
Comentarios