Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

Festa dos libros

XUNTAR UNHAS palabras para festexar a I Festa dos Libros de Pontevedra é un exercicio de xustiza ao que me presento voluntario, co permiso da concorrencia.

As vellas casetas da Feira do Libro quedaron atrás e ingresamos no século XXI, con dezasete anos de atraso, pero co vento nas velas. Un entorno mais agradable baixo unha carpa que protexía do sol e das cagadas das pombas, creando un espazo de fraternidade entre as distintas librarías que se sumaron ao proxecto. Libros, si, pero tamén música, parladoiros, vermús literarios, recitais poéticos, obradoiros para os mais cativos... mais de 60 actividades e un 10% de desconto no prezo dos libros. Ata aquí o resumo de telexornal, agora fagamos unha sorte de intrahistoria.

Un servidor foi invitado a asinar exemplares de Después dará un grito polos amigos de Libraría Paz. Tocábame o sábado pero aparecín por alí o venres a comprobar que estaba todo no seu sitio. E tamén para saudar a Alexander Vórtice que asinaba poemario xunto a Targus, e a Enrique Sotelo de Discursivas. Vin por alí a xente que teño de amiga no Facebook pero que non coñezo en persoa. Coa timidez que caracteriza ao xenios e aos parvos, pasei de largo. Regresei o sábado de mañá para visitar a Xesús Constela, que tamén tiña sinatura. Pasou por alí Antón Roel e presenteime porque os amigos comúns nunca nos presentaran. Despois, sen querelo, demos en xuntármonos Xesús, Manuel Lourenzo, Mario Iglesias e o que asina e facérmonos unhas fotos no espazo de Clip. Jorge, da libraría, convidou a unha cervexa e pensei durante uns minutos que pagaba a pena escribir. Ata que rematei a cervexa, que foi cando me volvín a converter en Cinderela.

Pola noite volvín para a miña tortura favorita cun bolígrafo no peto. Non se me ocorreu forma mais paleta de aparecer alí que cun boli enriba non fose o demo que faltasen. O primeiro libro asineillo a Tamara Andrés que unha poeta insultantemente talentosa, xoven e guapa. Sentinme insultado por triplicado. Fixen unha dedicatoria digna dunha titulación en CEAC. De alí a un pouco, tras varios coñecidos e amigos aos que procuro darlles pena para casos coma ese, apareceu Fran Alonso e freguei os ollos. "Son o teu ídolo" estiven a piques de berrar, estilo Tonechos. Eu era devoto de Alonso dende os seus tempos de Tortillas para os obreiros, cando me xurei que algún día estreitaría a man daquel magnífico poeta. Así llo dixen, poñendo a miña cara de parvo dos momentos especiais. Despois pediume que lle asinara o meu libro e entón comecei a fibrilar. Non sei que é, realmente, pero eu fibrilar, fibrilaba. Escribín una longuísima dedicatoria chea de mocos, bágoas, emoción e disparates para que non lle quedase un anaco de dúbida de que estaba diante dun parvo como hai poucos. Con bo siso, o pobre fuxiu de alí coma un tiro de escopeta. Pero eu xa puxera unha pica en Flandes e cando me levantei da cadeira tiña a estatura dun pivote do Leite Río Breogán. Mirei arredor, a todos aqueles ananos e ananas que andaban por alí, estendín a palma da man, botei cara dentro os dedos e soprei nas unllas. Aquel estado comatoso duroume unha media hora, que ocupei presumindo por diante do espazo da libraría, fitando á xente con displicencia e aguantando as gañas de preguntarlles se se decataban que os estaba a fitar con displicencia.

O domingo era a terceira xornada da feira pero eu, como se fose Deus, descansei. Teño pensado facer o mesmo con esta columna, ou sexa que ata vérmonos. Páseno ben!

Festa dos libros
Comentarios