Opinión

Furanchos a gogó

A ORIXE do furancho hai que buscala nunha canción, ou se cadra en media ducia delas, aínda que pode bastar con aquel retrouso que di: «era o viño, miña nai, era o viño». En realidade, no viño pódese atopar a orixe da maioría das cousas que nos pasan aos galegos... e tamén das que non nos pasan. Somos un pobo de moito beber, e a culpa éche do viño: se non houbera tanto só beberían catro, que ademais serían ricos. O viño é a droga dos pobres e a xente vai a tasca igual que a farmacia pois un ribeiro é un ansiolítico tan bo coma outro calquera.

Tan grande é a produción desta bebida na nosa terra que houbo que inventar o furancho, que ven de «afuranchar», o que se fai cando se abillan os pipotes. Estou a falar sen referencia algunha, seguindo a pura lóxica, porque os galegos outra cousa non seremos, pero lóxicos somos un bo anaco. Por tanto, as posibilidades de que o que lles estou a contar sexa verdade son tan altas que paga a pena arriscarse a facelo.

Os paisanos con excedentes de produción vinícola piden permiso para vender esta durante tres meses. Para iso buscan o local máis perralleiro do que dispoñan e colgan nos arredores unha rama de loureiro para indicar a presenza dun centro de distribución da menciña, tinta ou branca (ou das dúas). É moi importante, repetimos, que o lugar en cuestión sexa un galpón, garaxe ou alpendre sen ningún tipo de aspiracións, e tamén que o mobiliario teña pinta de ter sido recollido nun centro Reto e proceder de seis ou sete sitios distintos. As mesas teñen que cubrirse cun mantel de hule. Isto é unha norma non escrita de obrigado cumprimento. Se pos outra cousa, nin tes furancho nin farrapo de gaita. O viño non se pode servir embotellado, senón directamente do barril. Non estamos a dicir que haxa que tirarse no chan a bebelo directamente da billa, polo menos non nun principio. Basta con servilo en xerras, que teñen que ser de louza branca, igual cas cuncas.

O furancho é un importante centro de peregrinación dentro do entorno onde se sitúa. Durante a época do ano na que está aberto, en horario de tarde-noite, acoden a el romeiros de diferentes lugares, que saen sempre cun sorriso nos beizos e un andar miudiño.

No furancho sérvense tamén tapas de cociña galega que poden chegar incluso á sofisticación da tortilla, os callos, a empanada ou a zorza. Os prezos, tanto das tapas coma dos viños, producen o sorriso co que os furancheiros saen do furancho. O camiñar é produto do viño. Da inxestión do viño, quérese dicir. Isto é moi importante, porque para mirar para os pipotes non se vai ao furancho. Alí tamén serven auga, pero se non es muller, mellor no pedila, se non queres ser sospeitoso. Se es muller podes encherte de auga, pero serás o branco de todas as miradas se non bebes tinto (ou branco). Neste locais non se entende de machismo nin de feminismo, só de viños.

Como remate da festa hai chupitos. Os chupitos preceden aos cantos de taberna, que neste caso mudan en cantos de furancho. En bancos corridos, os clientes irmándanse na improvisada cantiga de retrousos ancestrais cos que se celebran a enchente que levan enriba.

Os furanchos non son privativos das terras galegas. Pódense atopar en Viena, co nome de «heuriger» e orixe no século XVIII e tamén en Canarias, onde se chaman «guachinches».

Estes últimos datos non proceden da lóxica, evidentemente, senón das pescudas en internet, uns minutos antes de emprender outra incursión no furancho mais preto, que de tanto falar deles sécaselle a un a gorxa...

Comentarios