Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Invierno encima

ESTE FAMOSO refrán ten a dubidosa virtude de mandar á merda o mes de agosto en canto alguén o solta en voz alta. Como aquela compañeira que nos botou un caldeiro de xeo no sorriso un venres ao rematar o choio, cando dixo dende a porta, a xeito de traizoeira despedida: “Xa está aí o luns”. Nunca un finde pasou tan apresa. Xamais un finde nos prestou tan pouco.

O do “invierno encima”, non é xa que se leve por diante o Outono, senón que non responde á realidade. Non so non é certo, senón que ademais é mentira. Hai días de Setembro que non os tes en todo o verán. Certo que se cadra tamén pinga un pouco. De forma artística, iso si.

Sen descartar que fose un ancestro da persoa que dixo o de “xa está aí o luns” quen dera a luz a este nefasto refrán sobre o fin do verán pontevedrés, aposto a que non contaba quen tal fixo coa iniciativa dun concelleiro chamado Bará, Luis Bará, quen se dispuxo a combater os efectos depresivos do traizoeiro e velenoso enunciado. Así foi como xurdiu a Feira Franca, a némesis de todos os refráns pesimistas que poida no mundo haber para estragar a festa maior pontevedresa antes de que comece.

Dun día para o outro, o pontevedrés sabe que, coas festas maiores de corpo presente, xurde no horizonte unha fin de semana para pintar a mona un pouco máis. Para encherse un pouco máis. E aínda por riba, disfrazados de pailáns.

Hai días de Setembro que non os tes en todo o verán. Certo que se cadra tamén pinga un pouco. De forma artística, iso si

Eu, sen ir mais lonxe, adoito disfrazarme de calquera cousa. Con calquera cousa quero dicir calquera cousa. Un saco de patacas cosido (ou participio similar). Un disfrace dos chinos que nunca chega á noite enteiro. Unha xilaba das dos mouros comprada a un rapaz de Burkina-Faso...

Hai cousas da Festa da Feira Franca, e ollo que vai “festa” con maiúscula, que valen un imperio, igual que os menús dos restaurantes dese día. Por exemplo: Rafa Córdoba coa súa chepa postiza. Por certo, dese tipo de xente que, de non habela, habería que inventala. Por exemplo: o combate medieval na praza de touros sen touros. E como o do pressing-catch, pero medieval. Por exemplo, tomar mojitos e caipirinhas medievais na zona vella vestidos de medievais. Fumar tabaco medieval que acendemos con chisqueiros medievais.

Volvendo ao asunto do tempo: na feira franca a climatoloxía preséntase sempre cinguida dunha galeguidade a proba de probas de galeguidade. O día grande da Feira Franca tanto podes abafar co calor como poñerte coma un pito. Isto non é outro refrán, é unha realidade. Os galegos vivimos así, a medio camiño entre unha certeza e outra, cun pe aquí e o outro polo ar. Por iso din que non adoitamos definirnos. O que paso é que somos mais ben de definirnos ao final do conto. Non é que sexamos listos, é que somos listos de mais.

Despois está a marabilla de falarlle da Feira Franca á parentela que ven á Peregrina, sabendo que xa non estarán aquí. Si, si, temos as mellores festas da contorna, pero... a Feira Franca, amiguiños!. E botas tres cuartos de hora explicando como Pontevedra enteira, media Galicia, o norte de Portugal e xente de comunidades veciñas acoden á nosa vila ata que esta bota por fóra... esas comidas medievais, esas ceas medievais!... Total, que marchan para casiña devecendo por un día na Feira Franca.

Poucos eventos na nosa cidade espertan tanta envexa en todas partes, a mellor proba disto é o difícil que resulta atopar gozando da feira a xente de Vigo. O día que poñamos un dinoseto nos xardíns de san Francisco vai arder Troia.


Invierno encima
Comentarios