Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

O nunca visto

SOBRE O derradeiro asalto á Bastilla, cómpre sinalar que Pedro Sánchez tiña os seus días contados dende que chegou á secretaría xeral do PSOE en 2014, despois que Susana Díaz o deixase pasar diante por entender que aínda non era o seu momento ("este no vale pero nos vale"). Pero Sánchez saíu respondón e iso era mais do que Felipe González pensaba tolerar. Como Sánchez quería ser coherente e non facilitar a investidura de Rajoy e aínda tentar sen investido el, os que manexan o PSOE dixeron que non, que primeiro ser prácticos e despois ser coherentes. Aínda que fose polas bravas. E polas bravas montouse o quilombo. Os manexos dos que manexan deron resultado e Sánchez saíu de Ferraz como una vítima de poderes pouco democráticos que, mira ti, fixérono dimitir despois de facelo perder unha votación. Tanto que tardaron en retratarse os que non querían tratos con Podemos (antes diso invisten a Rajoy), que tiñan a Felipe González rouco de berrar por eles as consignas e finalmente quedaron todos co cu ao aire.

Agora Rajoy ten unha baza na man: as terceiras eleccións poden darlle matarile ao PSOE, aínda que se cadra ao PP non lle interesa ter enfronte a Unidos Podemos (mellor enfrontarse á indefinición que á esquerda). Estes, a pouco que se movan cara o centro un chisco, poden paparse ao partido da costureira Susana (quen dixo o xoves en público que no seu partido non había bandos, nin era unha banda). Ai, canto vale ás veces calar un pouco. Agora todo o que ten que facer é agardar que a xestora lle suplique que colla agulla e fío. Pero, que o saiba todo o mundo, todo este balbordo conseguiu o seu primordial obxectivo: acalar a fastosa intervención de Núñez Feijoo, do Partido Núñez Feijoo SL no programa Land Rober. O nunca visto. Un político galego, un presidente en funcións, nun programa de humor.

Estivo bastante solto e simpático, sen entrar de todo no xogo das risas e das coñas, pero sen saírse tampouco, como contemplando a xogada dende a inmensa morea de votos que acadara. Dende aí enriba é moi doado sorrir, como fixo cando Roberto Vilar lle preguntou pola súa serie favorita e despois lle dixo que si contestaba Narcos botábaselle ao chan alí mesmo. Tamén fixo mofa Vilar da desaparición do logo do partido durante a campaña. Curiosamente isto levouno mellor que as preguntas sobre a súa compañeira, o posible matrimonio e o fillo que está en camiño. Pero cando mais relaxado se amosou o presidente en funcións foi cando lle preguntaron polo PSOE. Falou de Felipe González (o ex-socialista mais adorado pola dereita), para desvelar que votara por el en 1982. Seguramente medio PP votaría por el tamén agora. Desculpen esta nova mención a González, sepultado xa o domingo pola contraportada de Rodrigo Cota e os seus propios deméritos (os de González).

Outra cousa que solapou a matanza de Texas foi o debate que prendera a Ceapa sobre a necesidade imperiosa de acabar coas tarefas escolares dos nenos. Un debate que outra asociacións de nais e pais, a FCPE, xa acendera en Francia en 2012! Entre axustar a cantidade e calidade das tarefas na casa ao sentido común e rematar de raíz con elas... é que che somos moi amiguiños de ir pola brava!

E finalmente, e volvendo ao desembarco de Normandía, como esquecer unha mención ao incidente mais riseiro da noite de autos. Eses repartidores de pizza que chegaban a Ferraz sen parar, coas mans cheas de pizza, sen descanso, enviados cruelmente dende diversos foros de internet por usuarios desatados que non facían mais que encargar pizzas de jalapeños...

O nunca visto
Comentarios