Opinión

Poesía es ti

SABENDO QUE poño os pes en terreo moi esvaradío, estou a pensar en abordar nesta columna os misterios da poesía. Non todos os misterios da poesía, só un par deles, os que, como autor de dous poemarios, teño ao meu alcance. Podemos poñelo do seguinte xeito: que é e que non é a poesía.

Para comezar: a poesía é unha cousa para quen a escribe e outra para quen a le. Vaia chorrada, estará vostede, con razón, a pensar agora. O que se quere dicir e que a poesía nace no interior do poeta e cando chega ao papel faino convertida noutra cousa porque leva un traxe de palabras. Canto mellor lle veña o traxe, sen mancar o sentimento que a envolve, máis doado será para o lector achegarse aos versos. Aquí o quid da cuestión está no labor de encriptamento da mensaxe que, das mans da linguaxe poética, moitas veces o que fai e entupir de máis as chaves do texto. A moitos poetas o que lles tira é que os seus versos sexan unha especie de xeroglíficos semánticos só ao alcance dos iniciados na arte da interpretación de poemas escritos por parvos. Porque hai que ser parvo para non desexar que a xente entenda o que escribes. Os surrealistas tiñan fama de obtusos pero eles estaban na procura dunha linguaxe distinta, aínda que tivesen que sacrificar a proximidade co lector. Ademais, duroulles pouco. Do dadaísmo de Tzara, Breton and company ao surrealismo da xente do 27 español, peneiradísimo pola racionalidade, pasaron poucos anos e de seguido pasouse a unha poesía moito menos "culterana", por dicilo en termos do século de ouro.

Moitas veces os poetas escriben contra algo ou contra alguén, pero sempre están a escribir contra si mesmos. A pasta da que están feitos é a que poñen enriba da mesa para amasala a golpe de metáforas, símiles e demais figuras e facer con ela unha bola de pan coa que pretenden que comungue, migalla a migalla, canta máis xente mellor.

Non importa do que trate un poema: nun último termo, o poeta está sempre a falar de si mesmo. Neste sentido o poeta é un auténtico pesado. Lembremos aos antigos poetas, que puñan música as súas composicións: os bardos (non confundir cos biosbardos). Supoño que lembran tamén como remataba nos cómics de Asterix e Obelix o bardo do poboado: amordazado e amarrado a unha árbore. Ese é o destino dos poetas. Dun xeito ou doutro, as súas palabras acaban por molestar e queda na marxe da sociedade, visitado só por outros poetas marxinados coma el ou por algún adicto/a á fermosura lírica que normalmente vive dunha paga do Estado. Bromas aparte, a consideración social da poesía deixa moito que desexar. É certo que se publica moita e boa poesía, que existe unha importante nómina de poetas galegos novos, pero para o público en xeral o primeiro é Netflix e para a xuventude o Fornite.

A primeira poesía que un fai é no colexio. En realidade no colexio é onde comeza todo, porque é onde primeiro socializas e onde atopas todo tipo de bichería coma ti. Fas uns poemas con rima, por suposto, e pensas que son boísimos porque riman. Fas poemas a unha rosa, ou a amizade: a cousas que non sabes que son realmente. Uns anos mais tardes a temática romántica apodérase das composicións. En realidade, apodérase da túa vida enteira e fai de ti un pandeiro. Algunha inquietude política, Bertol Bretch, Benedetti; en xeral poetas con apelidos que comezan por "B".

Despois, normalmente, atravesas unha etapa na que estás máis preocupado de gañar cartos que da poesía, primeiro porque xa te decataches que ambos asuntos son incompatibles e segundo porque tes que comer un par de veces cada día. Tan só superpoetas como Oroza poden superar esta dicotomía entre o material e o poético outorgándolle clara preeminencia a isto último.

A poesía está sempre ao noso carón. Por exemplo, eses que din: "Sánchez rendeuse ao independentismo". Ou o surrealismo sintáctico de Mariano Rajoy, quen diría que se lle botaría de menos. E temos o dadaísmo ultra dos rapaces de Vox, clásicos e vangardistas a un tempo, urbanistas e ultramontanos. E xa non falemos de todo o asunto do procés, unha auténtica epopea, pero tamén esperpéntica e ata dantesca. Por non dicir o que todo o mundo sabe, que poesía es ti.

Comentarios