Opinión

San Benito de Paredes

Hoxe os protagonistas desta columna van ser dous santos. Dous santos que son un mesmo santo, xa se sabe que cando está a relixión por medio, isto non é nada difícil. Falamos de san Benito de Lérez e, sobre todo, de san Benito de Paredes, a quen pretendemos reivindicar. Se vostede prefire chamarlles san Bieito, alá vostede, vivimos un país (case) libre.

Mala chispa me coma se me importa un carallo cal dos dous san Benitos é o máis milagreiro. Descoñezo se hai datos recollidos sobre os milagres de cada un, incluso se existe unha táboa estatística dos milagres de todos os santos ou advocacións (por descoñecer, tamén descoñezo que significa exactamente "advocación"). Xa coñecen vostedes as coplas nas que o santo de Paredes é difamado. Atrévome a dicir que son máis famosas que o propio santo: Si vas a San Benitiño / non vaias a de Paredes, / que é moito máis milagreiro / San Benitiño de Lérez. E a copriña segue: San Benitiño do ollo redondo / hei de ir alá, miña nai, se non morro / e hei de levar unha bota de viño / e unha bola de pan para o camiño. (de Porriño nalgunhas versións, seguramente orixinadas en Porriño). Do pobre san Benito de Paredes non hai moita bibliografía. A súa sona quedou tapada por culpa desta devastadora copla. Algo como o que sufriu Salieri por culpa de Mozar, os Kinks a causa dos Beatles, Alberti por ser coetáneo de Lorca ou Rominger por ter ao seu carón, ou sexa por diante, a Indurain.

É unha desgraza como outra calquera que teñas unha habilidade, mesmo a de facer milagres, e que haxa outro ou outra que che gañe. E xa non digamos cando, sen estar moi claro que che gañe, o que suceda é que se faga máis viral ca ti. Na época dos san Benitos dos que falamos, para facerse viral algo existían as cancións populares, e nese terreo o san Benito de Lérez gañou por goleada.

Iso si, o san Benitiño de Paredes ten unha páxina en Facebook, que a vin eu con estes ollos. Tarde piaches, pensei.

O culto a san Benitiño de Lérez comezou na idade media e foi estendido pola orde do Císter. É un santo afamado por curar todo tipo de infeccións da pel e incluso o bocio. A xente acude moito polo asuntos das espullas, porque a xente é moito de querer desfacerse das espullas, sobre todo se as ten nun sitio visible e despois lle saen no instagram. Este san Benito atópase no mosteiro de san Salvador de Lérez e a súa festa non se celebra unha, senón dúas veces ao ano. Ata ese punto é de asoballador o san Benito de Lérez: ten unha festa no verán (o 11 de xullo) e outra no inverno (21 de marzo). Os devotos e os festeiros prefiren esta última porque está no comezo da primavera (o de chamarlle "san Benito de inverno" debe ser marketing tamén) e a xente ten moito vicio de ir de romaría co bo tempo, en vez de cando caen chuzos de punta.

A min o que me amola pero moito é esa parte da copla que di: «non vaias ao de Paredes». A ver, non é posible ir aos dous? que mal fixo o san Benito de Paredes? por que tanto desprezo? que somos, corzos? Se vostede fose santo ou santa, que se cadra o é, gustaríalles que a xente cantase coplas animando a que non fosen visitala ou visitalo? Por Deus.

Fíxense o dano que fixo esa copla que se entra en google e escrebe «Paredes: san Benito de Paredes» accede a unha páxina na que hai un foro absolutamente baleiro. É que nin cantan os paxaros nesa páxina. Semella que nun momento calquera vai pasar un fato das herbas secas esas que movía o vento nas películas do oeste americano.

A min, de toda a copla maledicente esta da que falamos, o único que me merece respecto, e moito, é o verso ese estupefaciente que di: San Benitiño do ollo redondo. Este verso marabilloso reivindicando a redondez dos ollos tíñame namorado, ata que lin que a cúpula da capela do mosteiro de Lérez ten un óculo cenital que deixa pasar a luz e que seguramente foi iso o que dou lugar a esa frase da canción.

Sexa, como sexa, querida lectora, a próxima vez que entoe esta copla, fágamo cun pouco de respecto ao pobre san Benito de Paredes, e omita esas palabras difamatorias. Favor polo que lle anticipo as grazas.

Comentarios