sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Televisión e delincuencia

Era unha escena desas que teñen unha interpretación distinta ao que amosan: un observador inexperto diría que o tipo era quen desenvolvía un rol dominante na parella cando en realidade á que tiña a tixola polo mango era a moza

HAI UN TEMPO entrei nunha cafetería para mollar a palleta mentres me refuxiaba da choiva. Serían cerca das sete da tarde e xa parecía de noite, aínda que se cadra eran ás sete da noite, un xa non sabe con tanto andar a mover as horas. O caso é que alí estaba eu no bar ou cafetería (é outro misterio distinguir entre uns e outras), coa miña cervexa e sen máis que facer que botarlle unha ollada á concorrencia. Pouca era. A maioría semellaban homes xubilados ou a piques de facelo ou mentalmente xubilados ou desexando xubilarse ou dándolle voltas á posibilidade de se xubilar. Só había dúas mulleres: unha acompañando á súa parella e outra detrás da barra. O bar ás veces é aínda un territorio masculino, por moito que mudaran as cousas (que mudaron). Tampouco é que as mulleres gañen moito conseguindo ese territorio, pero xa me entenden. O caso é que din en botar tamén unha ollada ao inevitable televisor que presidía o local. Botaban anuncios. É incrible como pasan anos e anos por riba deses anos, e máis anos por riba deses anos que pasaron por riba dos outros, e os anuncios seguen a ser do mellor que se pode ver na televisión. O caso é que a camareira colleu o mando e púxose a cambiar de canle cun aceno de aburrimento digno de eloxio. Parouse nunha que amosaba a unha rapaza tirada nun sofá que facía por afastarse dun tipo que tiña enriba, pero sen se querer afastarse de todo, xa me entenden. Era unha escena desas que teñen unha interpretación distinta ao que amosan: un observador inexperto diría que o tipo era quen desenvolvía un rol dominante na parella cando en realidade á que tiña a tixola polo mango era a moza, que ademais era quen estaba na posición máis descansada. A camareira mantivo sintonizada esa canle o tempo suficiente para me decatar que estaba diante dun programa deses que chaman de telerrealidade, aínda que o que amosan ten máis que ver normalmente coa irrealidade ou directamente co surrealismo. Un programa deses nos que collen á xente seguindo un criterio de selección no que prima a "orixinalidade" por dicilo dun xeito que non moleste. Trátase, xa saben, de illalos nun reducido espazo para que convivan todos xuntos, aínda que, sobre todo, revoltos. Despois as hormonas fan o resto. Hai xente á que lle gusta este tipo de andrómenas, claro, mentres outros escollerían antes un desfile non-stop de tartarugas, das normais, non das ninja. Ao pouco un par de xubilados ou opositores a xubilado comezaron a rosmar e a camareira manexou o mando a distancia ata sintonizar un noticiario na pantalla, que conseguiu aplacar os ánimos.

O caso é que recordei unhas noticias que lera nos últimos días sobre un caso dunha suposta violación que tivo lugar durante a gravación dun deses programas e que provocou que numerosos anunciantes estivesen a retirar o seu patrocinio. Un asunto escuro polo que a produtora pasou bailando na punta dos pes, pero que estalou cando a rapaza, de volta ao mundo real, puxo unha denuncia. Tamén nos enteramos de que os xefes do cotarro coaccionaran á rapaza: "Menganita, este tema, por Fulanito (o violador) y por ti, por el bien de ambos, no debe salir de aquí". Esta orde de tintes claramente mafiosos saíu da megafonía pola boca dun empregado coñecido como O Súper (que a partires deste intre claramente debería ampliar o seu alcume a "O Supermercado"). "Atentos, que vai falar O Supermercado". E que aproveitaran para conseguir o patrocinio de Aldi, Carrefour, Eroski, etc e así poderían substituír aos pratocinadores que se deron de baixa cando se soubo todo isto, antes de que a cadea pechase o programa, que foi o que rematou por ocorrer.

A última noticia sobre este triste asunto é a apertura de xuízo oral por parte dun xulgado madrileño contra o concursante pola presunta comisión dun delito de abusos sexuais dentro dunha casa en Guadalix de la Sierra. O xuíz tamén pon unha fianza á produtora en concepto de responsabilidade civil ante a posibilidade dunha sentenza condenatoria.

Confírmada a derrota da ética diante dos cartos, veremos que din os tribunais.

Televisión e delincuencia
Comentarios