Opinión

As trampas de Trump

TODO O mundo está a falar de Trump, coñecido no seu país como The Donald. Un tipo que disque chegou ao poder con trampas (o seu amigo Putin filtrou corruptelas de Hillary Clinton). Trampas Trump, soa de medo. O das trampas dise de todos os presidentes e, nalgún caso (véxase o caso de Bush fillo e as votacións en Florida), todo pinta moi mal. Agora Trump comeza a tomar medidas extravagantes, retrógradas ou inxustas (ou as tres cousas xuntas) que xa anunciara. Nese sentido non fai trampas. Para un que cumple, ten que ser este. Tema do muro con México, un país cos que os EUA teñen mais de 3.000 km de fronteira e cuxa construción chocaría con parques nacionais, reservas indíxenas e bosques protexidos. Ademais, 2.000 deses quilómetros transcorren por un terreo moi accidentado, o que eleva moito o xa custoso esforzo. E el empeñado en que pague o goberno mexicano. Peña Nieto di que o único muro do que quere oír falar é o de Pink Floyd. Vale, iso dígoo eu porque é o que eu diría. Tamén impide entrar musulmáns aos EUA porque son o demo e senón, di, mirade Europa. Polas mesma razóns que non deixa pasar musulmáns, o resto do mundo deberiamos facer o mesmo cos norteamericanos.

O señor Trump meteuse en política para tocarlle as bolas a uns cantos (máis de medio mundo) e vai camiño de facelo

O señor Trump meteuse en política para tocarlle as bolas a uns cantos (mais de medio mundo) e vai camiño de facelo. Os pánfilos demócratas escolleron á eslamiada Hillary Clinton porque tiña un perfil baixo e era un mais do mesmo, e un bo sector dos seus votantes pasaron dela. Fálase moitísimo de Trump, da súa vitoria, do perfil mental, do seu pelo, dos seus votantes, etc, etc, e moi pouco de por qué non se lle puxo enfronte a Bernie Sanders. Pois porque o senador Sanders, na política dende 1981 e como independente ata 2015, era moi de esquerdas para os popes demócratas, non porque non levase aos seus actos moitísima mais xente ca dona Hillary Clinton. Sanders era o candidato favorito da xuventude demócrata (aínda que é seis anos mais vello ca Clinton) pero o Comité Nacional Demócrata era mais dela. Este asunto dun candidato mais progresista ca o do lobby que goberna o partido e con mais apoio nas bases pero que remata defenestrado en favor dunha muller... sóame de algo...

O caso é que propios e estraños botamos as mans á cabeza, como se ventásemos unha prolongada dor aí arriba que se nos viña enriba, cando saíu elixido the Donald. Os optimistas, unha raza inasequible ao desalento porque se non non o serían, comezaron a dicir que non, que o sistema de goberno norteamericano no permite moitas veleidades presidenciais, que Trump, como Obama e os outros, non vai poder facer nin a metade das cousas que pretende. Din que está o tema do impeachment ou a posibilidade dun atentado (isto non o din, pero o pensan, eles e todos nós). Porque Trump é un tipo tan estrafalario e caprichoso para os de a pe como para os os poderes fácticos. Os grupos de poder (o enerxético, o armamentístico, o financeiro, o sanitario...) Os beneficiarios do statu quo socioeconómico. Non lles convén alguén imprevisible e que ten un topete ingobernable.

As continuas apelacións de Trump ao pobo resultan esperpénticas. Como cando di, el que se de algo pode presumir é de ingobernable (xa o botaron da escola de noviño) e pouco manipulable, que vai poñer o mando nas mans del pobo ("de Washington ao pobo"). Ou sexa, gastou unha morea de cartos para acadar un poder que agora vai ceder ao pobo. Soa La cucaracha por megafonía. O anaco aquel que di "porque no tiene / porque le falta / marihuana que fumar". A que lle sobra á metade do país que o puxo aí.

Comentarios