Viernes. 18.01.2019 |
El tiempo
Viernes. 18.01.2019
El tiempo

Un ano máis ou menos

"SEMPRE ANDAS dicindo / para o ano que vén / e chega outro ano / e pasa tamén". Estas pesimistas pero lúcidas palabras pertencen á Foliada do Celta, como ben é sabido, aínda que para o caso tamén podería ser a Foliada do Pontevedra CF (a ver, a ver). Veñen ao caso cando vimos de estrear un ano, noviño do trinque, e adoitamos enfastialo nada máis comezar facendo listas físicas ou mentais das cousas que imos arranxar na nosas vidas durante o mesmo. Como cada ano. É que non temos amaño... ¿que culpa terá cada ano que pasa de que se nos de por amolalo nada máis comezar, poñéndolle enriba as cargas que nós non somos quen de levar? E aínda lle botamos a culpa: "O 2018 non foi un bo ano", "o ano patatín estivo moito mellor", "agardemos que o patatín plus sexa diferente". Sempre estamos a espallar a merda por todas partes. Isto me fai lembrar como facemos o mesmo con todo o que nos rodea. Por exemplo, a nosa cidade, que disque é só un bonito decorado. Se a cousa vai da falta de emprego, entón leva sendo un decorado os últimos cincuenta anos (cando menos), só que durante moito dese tempo foi un decorado ben feo.

Cada ano váisenos a pinza e repetimos a teima de facérmonos bos propósitos con respecto a nós mesmos e sobre todo aos aspectos da nosa existencia que consideramos mellorables ou que desexamos arranxar (porque antes xa nos encargamos de escangallalos, por exemplo, fumando)

Cada ano váisenos a pinza e repetimos a teima de facérmonos bos propósitos con respecto a nós mesmos e sobre todo aos aspectos da nosa existencia que consideramos mellorables ou que desexamos arranxar (porque antes xa nos encargamos de escangallalos, por exemplo, fumando). Tamén metemos no saco os asuntos de todo tipo que nos teñen desgustados pero que fican lonxe do noso ámbito inmediato de intervención (Cataluña, a economía, a violencia doméstica, as pensións, a neglixencia na xestión da sanidade pública, a nova lei de educación, etc). Esas cousas que nos levan Feijoo, Sánchez e compañía no tempo que lles deixa libre ocuparse do seu. Neste caso o que adoitamos facer é pedirlle os arranxos aos Reis Magos, ata aí chegou o noso grao de descrenza. Eles, por suposto, adoitan traernos carbón, de azucre, iso si, que pasamos roendo doce meses.

2019 pode ser un ano marabilloso. Ou non. Neste sentido non vai ser distinto do que pasou e de todos os que pasaron antes del. É bonito ter ilusións, pode que saudable incluso, pero non podemos finxir que non nos damos conta. Non hai moito que podamos facer, agás votar de cando en vez e berrar pola rúa adiante, sós ou mellor en compaña de outros, con respecto dos grandes temas e, porén, podemos e debemos arranxar a nosa propia vida. Isto comeza por facer a cama todos os días. Tal cousa dixo un almirante da marina norteamericana nun discurso que se fixo viral. Xa, claro, a min tamén me amolaría menos que isto o dixera un xubilado calquera ou unha empregada da praza de abastos, pero que lle imos a facer. Pero quen o fixo foi o almirante William McRaven, dunha desas cerimonias de graduación nas que as universidades invitan a alguén salientable polos seus logros. Lembro o caso do escritor David F. Wallace diante dos alumnos da universidade de Keyton, que despois se publicou como un moi recomendable libriño co título "Isto é auga". Pero estabamos en que facer a propia cama cada día é un pequeno xesto que di moito de como desexamos xestionar a nosa vida. Un pequeno xesto cheo de orgullo e asertividade que pode ser unha maneira de dicirlle ao mundo: vou por ti.

Claro que despois sempre veñen os ingleses da universidade de Kingston e sacan un estudo onde expoñen que facer a cama é a peor decisión para aqueles que padecen alerxia aos ácaros do po, pois deixala estar favorecería a defunción deses microscópicos seres xa que se reducen os niveis de humidade entre as sabas.

O caso é que eu son alérxico, que queren que lles diga...

Un ano máis ou menos
Comentarios