Opinión

'Her'

HAI UNS meses descubrín un servizo que se estaba poñendo moi de moda en China, polo cal as rapazas e rapaces (sendo as primeiras as principais usuarias) alugaban un falso noivo/a para presentarllo á familia e dar a entender que compartían unha idílica vida en parella. Segundo a reportaxe onde se detallaba o invento, este estaba concebido para que o namorado de pega chamara diante dos pais do apenado solteiro en cuestión ou o acompañase aos principais eventos familiares. O primeiro que se me pasou pola cabeza, entón, foi que os chineses deben ser tan pesados como os occidentais con isto no namoramento e da necesidade de ter parella, tanto así que alí xa optaron por inventalas. E o segundo, como sería posible soster semellante mentira no seo dunha familia galega, cando o que máis nos gusta neste mundo é interrogar ao que vén de fóra e onde, malia o demo, seguro que se daba a fatídica casualidade de que o falso noivo e o verdadeiro pai se coñecían por x ou por i. Descartada esta opción, solteiros do mundo non desesperedes! Hai moitas mentes pensantes que enseguida argallan un trebello para poder dar resposta ao típico “non tes mozo? Pois xa estás no tempo de casar”. A última 'xenialidade', unha aplicación para móbil parlante na que o usuario crea un perfil da parella imaxinaria ideal e pode manter conversas con el/ela a través dun chat en función das características introducidas previamente. E se ten conta premium, por 25 dólares ao mes recibe, ademais dos sms, dez mensaxes de voz e ata unha carta escrita a man. Toda unha ganga en comparación cos gastos que supón un noivo real. Igual isto é o que nos queda aos cidadáns do século XXI, unha relación virtual cal Samantha e Theodore en 'Her'. Pois tempo para ligar non temos e cartos para agasallos tampouco, pero sempre existirán os parentes pesados con medo a que quedes para vestir santos.

Comentarios