Opinión

A Administración e a explosión de Tui

NON HAI día que pase sen que as declaracións dos xestores encargados da Administración pública –en case todos os níveis– fagan referencia aos logros alcanzados no exercicio das súas funcións, referíndose maioritariamente ás obras públicas. Mesmo poderíamos dicer que se miden os éxitos dos gobernantes –cidadáns que exercen funcións de gobernación pública– pola cantidade de obras físicas realizadas. Visto que a axenda de debate público é marcada, orientada ou directamente dirixida desde os órgaos de control político, a listaxe de temas a debate versa sobre os intereses do gobernante.

Noutros países, os medios de comunicación teñen certo degrau de autonomía para exerceren a crítica, a información non dirixida, e por riba o público se interesa por algo máis que polas obras. Así, por exemplo, na desgraza de Tui, Paramos, sería esperábel que un goberno que fai obras a esgalla obrase tamén para rexenerar a zona, dotar de vivendas novas aos afectados, reconverter a situación ao momento cero anterior á explosión, e logo cobrar a quen tiver a responsabilidade. Poderíase, en caso de ter interese en resolver os problemas creados polo estourido dun depósito-ilegal- de explosivos, actuar de forma pública para xerar directamente a reposición dos inmóbeis-vivendas habitados por cidadáns sen responsabilidade algunha sobre a vixilancia, control e/ ou sancións sobre un armacén ilegal, e non de calquer cousa senón dun material que “logrou”, explotando, matar dúas persoas, deixar dous nenos orfos, arrasar 31 vivendas, danar malamente outras 200, ferir ducias de persoas e logo aínda deixar sen declarar máis armacéns con 1.750 quilos de novo material explosivo.

Poderíase, en lugar de dicer que se axuda con cartos, obrar directamente, ou por encargo a calquer das empresas construtoras que tanto constrúen en Galiza, a execución inmediata de vivendas novas (as que se precisaren) e amañar as danadas para os afectados recuperaren o máis axiña posíbel o seu viver en normalidade. Poderíase librar aos afectados da busca tediosa de xestores para realizar a montaña de trámites conducentes a teren dereito á cobranza dunhas axudas pensadas para realidades completamente distintas dunha catástrofe desta envergadura. Poderíase dispoñer dunha sección administrativa creada "ad hoc" para xestionar o desastre. Poderíase crear un fondo exento que, unha vez cobrado, non teña a consideración de subvención con incremento de renda, e ter que declarar por ese ingreso, na futura declaración do IRPF. Poderíase…, pero, polo que se ve, non se pode, ou non se fai. É o remate do absurdo, e un pouco máis o remate da inxustiza, que a unha persoa, ou grupo familiar, lle desapareza a casa por culpa dun irresponsábel e dos que o deixaron exercer de tal, e logo veñan a che dicer que se tes seguro, que saques dos entullos os papeis queimados de xustificación dos teus dereitos, que xa van vir as axudas, que vaias buscando casa para dous anos –máis ou menos–, que malo será, e que hai que ter paciencia. Realmente estamos preparados para catástrofes, e tamén para esixir responsabilidades.

Comentarios