Opinión

Alegría de vivir, gastando

Acaba de ser anunciada polo presidente do Goberno autónomo, señor Rueda, a posibilidade de viaxar gratis en autobús interurbano para os maiores de 65 anos a partir do 1 de xaneiro de 2024. A posibilidade para que os supostos usuarios poidan utilizar esta vantaxe conleva a preparación orzamentaria dunha partida de gasto equivalente á subvención que recibirán as compañías adxudicatarias dos citados servizos. Isto antes chamábase disparar coa pólvora do rei, mais hoxe, e dadas as circunstancias, o feito ten máis lecturas que unha simple historieta. Referímonos a seguir nunha senda de gasto con consecuencias para o futuro inmediato nun escenario que vai incluír á forza recortes. Un primeiro feito a ter en conta é a débeda viva que existe na Galiza. Certamente a débeda —ao igual que outras cuestións— non é en si mesma mala ou boa. Depende da capacidade de pagamento que se xere mentres se deba ir pagando. Depende do gasto acoplado á mesma. Depende de para que foi contraída: se é para investimentos, sempre teñen un retorno; se, pola contra, é para gasto só tipo corrente, pode ser desaconsellábel; se é para levar a cabo obras de infraestrutura que van seguir gastando fondos orzamentarios a medida que se usan e se desgastan, pode non ser recomendábel. 

Se estamos en termos de economía xeral nunha senda de recortes e decrecemento é a pior opción. E, finalmente, é ilexítimo —por moita exhibición de maioría parlamentaria que se faga— contraer débedas que poñan en risco a execución orzamentaria para gastos de compromisos previos e que son socialmente imprescindíbeis. E se hai débedas que son totalmente inúteis socialmente falando, xa que non mudan as condicións materiais da economía nin do benestar social, non deberían ser contraídas por moita renda eleitoral que sexan quen de proporcionar. 

No caso da gratuidade de viaxes en autobús interurbano, di a páxina oficial de comunicados ao mando da Xunta que esta medida beneficiará 50.000 galegos maiores de 65 anos. Deberon calcular ben para contabilizar os beneficiarios que son os residentes en áreas con interurbano útil, porque os veciños de Lugo, por exemplo con idade para realizar unha viaxe atópanse que pode haber bus ou pode non haber. Pode ser funcional ou pode ser un desastre, pode valer para ir e non hai volta no día, e pode —existindo— ter un horario de tortura maior. Exemplos: autobús Lugo-Vigo: teño en días de diario 3 servizos de ida e 3 de volta saíndo o primeiro de Lugo ás 10 horas. Chegas a Vigo comodamente, perdón, equivoqueime, comodamente non, que é unha ruta moi mareativa e, ademais, tes que baixar do bus en Pontevedra e facer transbordo, polo que os tempos anunciados de duración do traxecto case nunca se cumpren por necesidades do servizo, moi apertado en horarios e choferes. Volta, previa compra dunha ‘pastilla’ para o mareo: ás 18.35: transbordo e paradas. Fixen o día. Iso si, gratis, e para nada. 

As necesidades de transporte no noso país non se arranxan con agasallos de billetes nas rutas existentes senón con cobertura dunha rede de comunicacións diaria onde se precise o transporte público.

Comentarios