Opinión

Árbores ou a dozura da sombra

LIN HAI uns días unha entrevista co alcalde de Xenebra nado en Corme, con dobre nacionalidade e neto dun mestre republicano represaliado. Fala galego, cogoberna con outros dous partidos da á progresista e louvou, por adecuada aos canons de cidades europeas, a cidade de Pontevedra e o seu goberno. Non podemos soster que para saber facer ben as cousas no goberno municipal sexa preciso pasar pola emigración, mais unha especie de estadía, para os que exercen nos concellos, elevaría as miras e mais iluminaría as realizacións para non incorrer (e aprofundar) nos mesmos erros.

Se observamos as actuacións e os orzamentos de concellos como o presidido por este galego/suízo, van nunha liña que practica o que se di nos programas de sustentabilidade, aforro enerxético, aforro de auga, mellora da vida de nenos e persoas de idade, persoas vulnerábeis, eliminación de tránsito urbano con transporte público, busca dun turismo de calidade compatíbel coa vida urbana harmoniosa dos seus habitantes censados, eliminación da demanda de crecemento de estabelecementos de bebidas..., é dicer, algo parecido –á contra– do que estamos padecendo nas nosas cidades.

Hai xa moitas cidades que teñen restrinxido as licenzas para novos estabelecementos de bebidas. Hai xa moitas cidades que se dotaron dun programa de sostemento do pequeno comercio: non só con axudas –que non necesariamente cobren as deficiencias– senón cun programa de emprego e adecuación ás necesidades de certos oficios en desaparición. Mesmo as hai que se antecipan á xentrificación das cidades turísticas. En Genève non se poden dedicar edificios construídos e clasificados como vivendas para aluguer turístico. Tampouco se poden comprar vivendas polos non naturalizados suízos: a vivenda é para os xenebrinos, non para os visitantes, turistas ou estranxeiros de paso. Para iso é preciso ser titular dun negocio dedicado a turismo nas mesmas condicións que os hoteis de toda a vida. E, finalmente, mais non menos importante, antes de talar unha árbore, son quen de eliminar os elementos urbanos que lle estorban para que poida medrar comodamente e cumprir a súa función no interior dunha urbe.

As árbores lembran que os animais–seres humanos nacemos e somos natureza, e nela existen árbores, que forman parte da nosa vida. E para voltar ao inicio, Alain Corbin, nun ensaio titulado La douceur de l'ombre, invítanos, a modo de longo paseo, desde a antigüidade a hoxe, a nos reencontrar coa árbore campestre, coa sebe, coa árbore illada e selvaxe e coa árbore doméstica como formando parte das nosas vidas. Usando as palabras da experiencia emocionante do historiador J. Michalet : Veredes pasar o home –decláralle ás arbores– e duraredes miles de anos.

O vexetal, a árbore, é máis persistente que a ruína, pois está viva. Recuperemos as árbores talladas e desaparecidas na Praza Maior, en San Marcos, en San Domingos, na Horta do Seminario (calva completamente), no Campo Castelo, diante do exgoberno civil (ficou un pouco menos civil), en todos aqueles lugares en que, cando na cidade se respeitaba a dimensión humana, había unha árbore en cada recuncho, para admirar e se asombrar da vida.

Comentarios