Opinión

Autogoberno

Como pode haber alguén que defenda con criterios racionais que é mellor que outros administren o que é de un?

ESTASE A discutir nos medios de comunicación a conveniencia de xestionar na Galiza a autoestrada AP-9. O asunto veu traído á axenda informativa por causa do tratamento nas Cortes dun debate levado desde o Parlamento galego: houbo proposta unánime de solicitar o traspaso da competencia de xestionar a dita autoestrada aquí. Outra posibilidade que uniría xestión e titularidade tería sido solicitar o traspaso da titularidade da autoestrada, unha vez rescatada, é dicer, revertida á titularidade pública. Esta segunda posibilidade está ben lonxe de ser plantexada: non existe, aínda non naceu un partido político de obediencia española ao que se lle ocorra ceder un ápice do poder que significa gobernar o proprio e o dos demais sempre que se deixen. O vello espírito imperial aínda rexe, e con vigor bastante, para atopar normal que por fóra e por cima da colonización política, superado o tempo histórico das colonias políticas, queremos dicer, segue habendo dereito para se apropriar —vía económica— de facendas, recursos e vidas dos demais. Porque, en boa lóxica, en racionalidade económica e polo tanto social, quen pon —hoxe en día— en cuestión que as mulleres poidan ser titulares de bens, de salario, de facenda propria, de capital proprio, e, ao mesmo tempo, ser quen de se gobernaren a si mesmas? Hai por aí alguén —cavernícolas á parte— que cuestione eses dereitos e mais esas condutas? Pois, mutatis mutandis, é dicer, mudando o que for preciso, quen pode pór en dúbida que cada quen debe gobernar o proprio, e, mesmo co dereito a se equivocar, no proprio? Como pode haber alguén que defenda con criterios racionais que é mellor que outros administren o que é de un? Como se pode seguir torcendo o peso dos feitos para presentar unha falsidade arquirrepetida e negar a evidencia espida de que é mellor "ti co teu" do que "ti en mans doutros".

O asunto da autoestrada non é máis que unha escusa pola nosa parte, para pór de relevo a enorme contradición que existe na formulación de argumentos febles a respeito da defensa sen paliativos do autogoberno. Coa fórmula político institucional que se queira adoptar, é necesario para consolidar a madureza democrática que se di temos acadado, repartir competencias de goberno total sobre todas as cuestións que son constitutivas da vida política, é dicer, todas, e logo acordar boa, pacificamente, e mediante acordos interpartes que goberno, e de que asuntos, se comparte. O feito de prolongar a adolescencia ou a nenez patoloxizada dunha persoa é sinal de enfermidade: dos pais ou da sociedade que o permite. Só coa existencia dunha minusvalía incapacitante admitiríamos hoxe o goberno da vida de alguén por tutela externa. O país que existe baixo o nome institucional de Comunidade Autónoma goza dunha autonomía tutelada que a cada paso que subsiste contribúe a aprofundar na incapacidade de dar con xeito os pasos seguintes do autogoberno. Digamos que a autonomía ten un contido tan cativo, houbo tal deixación ou abandono de goberno do proprio, que máis semella a rédea dunha cabalaría con bocado do freo incluído que a gobernalle dun barco veleiro.

Comentarios