Opinión

Carmen de 'La Eléctrica'

O 21 deste mes, de hai 87 anos, morrían asasinados, con xustificación legal, 5 lucenses que cometeran o delito de ser leais á Constitución e ao Goberno republicano formado de maneira lexítima. No diario El Progreso de 22 de outubro de 1936 dise (tradución miña) "onte, ás 6 da tarde, foron pasados polas armas o exgobernador civil desta provincia D. Ramón García Núñez, o exdirector do Hospital de Santa María D. Rafael Vega Barrera, o practicante do mesmo D. Perfecto Abelairas, D. José Ramos e D. Ángel Pérez López, en virtude da sentenza contra eles ditada polo Consello de Guerra celebrado a semana pasada. A execución levouse a cabo nas inmediacións do cemiterio. Todos confesaron e recibiron fervorosamente a comuñón agás o ultimo".

Eu coñecín a Carmen, viúva de Ángel Pérez López. Do meu trato con ela, cando eu era nena, nada souben da súa vida, da súa dor, do seu sacrificio e á fin da súa valentía. Hónrame hoxe manifestar o tributo a súa memoria. Tiña unha moi fluída relación cos meus pais aínda que o coñecemento procedía da amizade do meu pai co seu home. Ángel era dono de La Eléctrica en Doutor Castro e cometeu o enorme delito de ser republicano, demócrata e agnóstico, co mesmo grao de respecto ás crenzas e condutas particulares dos demais que ansiaba para ás súas. Era militante de Izquierda Republicana, vicesecretario provincial desde 1934, vicesecretario da Agrupación municipal de Izquierda Republicana lucense e foi nomeado concelleiro de elección gobernativa da Frente Popular Lugo en marzo de 1936.

Logo do golpe de Estado foi detido, xulgado en Consello de Guerra, acusado de traizón e condenado a pena de morte e multa mancomunada –cos outros catro asasinados citados– de 1,5 millóns de pesetas (equivalentes en valor actual aproximadamente a 30 millóns de euros). Para comezar a cobrar a multa fíxose requisa dos bens dispoñíbeis para poxa xudicial para ir contando até o montante total. De La Eléctrica levaron mercadoría até baleirar a tenda. Dos bens do Dr. Vega Barrera desapareceu, en primeiro lugar, un dos seus autos –debía ser apetecíbel- que saíu directamente para Burgos para ser entregado ao goberno provisional de Franco–. A incautación de propiedades fixo que Carmen, embarazada do seu fillo Meli (nado o 22 de febreiro do 37), que sería póstumo a Ángel, tivese que comezar de cero axudada por amigos e familia, iso si, despois de superar unha primeira etapa de dor e desespero, que por sorte non tivo final tráxico.

Eu de nena e de moza ía pola Eléctrica como se fose a miña casa e sempre preguntaba sobre o que Carmen vendía. Encantábanme as lámpadas de bronce das mellores fábricas que tiñan un cristal tallado exquisito. Son precisamente unhas lámpadas que me regalou, e que me acompañan desde hai 50 anos na mesa de noite, o que me impide esquecer a Carmen, sempre digna por riba dunha inxustiza dese tamaño. A mesma Carmen que lle dixo a seu home, Ángel, na camioneta que os levaba ao paredón: "Pon esta chaqueta que vai frío". El contestou: "Non a vou necesitar".

Comentarios