Opinión

Comida propia

A mundialización da economía é tamén un tráfico de usos e costumes que se pretenden cosmopolitas pero que en realidade corresponden á extensión do mercado de produtos procedentes das economías máis capaces. O percurso da oferta de mercadorías destinadas a un novo mercado seguiu unha traxectoria semellante a esta: primeiro amósanse os novos hábitos de consumo por medio da publicidade, da propaganda e así mesmo a través doutros medios sutís de infuencia social como pode ser usar persoeiros famosos, célebres ou prestixiosos para inducir ao consumo do ben que se pretende. Así incitarase á demanda de consumo dun ben para que, mentres se imita a algúen interesante, mercar o produto ou servizo en cuestión. É moi doado visualizar este mecanismo vendo como se incrementou, até cifras monstrosas, a demanda de tabaco deste lado do Atlántico, en parte grazas á imitación dos hábitos dos protagonistas, antagonistas e da clase de tropa, dos filmes estadounidenses, nun momento en que a fábrica de soños de Hollywood dominaba o mercado mundial.

A comida rápida é certamente rápida pero vai perdendo a gran velocidade o substantivo de comida 

No caso da comida, sempre se observou unha certa resistencia a que os alimentos importados sexan os que lle interesa vender ao exportador: é dicir, enténdese perfectamente que na Galiza se importen patacas para fornecer un mercado interior que consome patacas pero non sería igual de entendíbel que se importe sake para subsitituír a augardente. É pouco entendíbel que, por razóns de prezo e vagancia comercial, se importen patacas de calquera sitio en lugar de comprar e distribuír pataca propia. A frase coloquial de que coa comida non se xoga debería ser entendida no seu sentido económico neto e tamén no seu sentido cultural obvio. O máis racional e san é alimentarse da mesma forma e cos mesmos produtos que os nosos antepasados inmediatos. Unha alimentación que forme parte dun mercado sostíbel no noso país ha gardar os requisitos de fresco, sen procesados industriais que precisen engadir conservantes, de proximidade, e, segundo a tempada, ir cambiando ao longo do ano. Da nosa cultura, do noso país, son o pan feito a diario e non cocido de masa conxelada, as patacas do país novas cando toca, e vellas o resto do ano, os tomates no verán e os grelos, nabizas e repolos no inverno, os chícharos na primavera, a carne de vitela todo o ano, o porco de outubro a maio (igual que o polbo), o marisco en inverno (non cando veñen os madrileños), os pescados de tempada —van mudando— e as conservas que só son produto fresco submetido á esterilización, todo o ano. Neste país, comer ben significa comer o propio e a mellora da innovación non é mudar o propio, coñecido e bo polo que se vende de forma masiva en interese do vendedor, nomeadamente.

A comida rápida é certamente rápida pero vai perdendo a gran velocidade o substantivo de comida.

Rápido é un bocadillo de sardiñas e non houbo ningún moderno que abrise un lugar de comidas con esa carta, e, non obstante, caemos na paletada de chamarlle comida a unha hamburguesa, polo nome disimulado de burger.

Comentarios