Opinión

Crecemento sen emprego

EXAMINANDO AS cifras dos rexistros oficiais de emprego, é evidente que se está creando. Pero é tamén certo que o ritmo de creación de emprego é inferior ao do crecemento expresado en cifras do PIB, e tamén que a cifra de paro é todavía insoportábel: cerca de 3,7 millóns de parados en España, e case 200.000 na Galiza. Dada a estrutura produtiva da economía estatal e da predominante na Galiza, é natural que isto suceda. O crecemento económico, mesmo o beneficio das empresas cotizadas en Bolsa, pode medrar e non significar máis que residualmente un aumento do emprego, xa que ese crecemento mesmo se pode dar con redución do emprego: os negocios de tipo financeiro non crean emprego en función dos seus beneficios; os negocios de exportación ou de trafego de bens non teñen por que crear emprego; os negocios vinculados á realización de beneficios no exterior non crean emprego aquí. As empresas exitosas de actividades maduras como é a confección medran e deslocalízanse ao mesmo tempo. Medran e teñen beneficios e realizan redución de emprego permitida polas novas relacións laborais legais. Até as empresas públicas con ingresos crecentes fan redución de emprego (verbigratia, Paradores do Estado). En fin, os negocios de hostalaría vinculados á demanda dos turistas exteriores crean un emprego cativo por renda e por condicións de traballo. Son precisamente as novas relacións laborais, consentidas, cando non promovidas pola nova lexislación post-crise, as responsábeis da intensificación do traballo realizado, a precarización dos postos de traballo, a sobreexplotación de traballadores e, en fin, a causa de que non haxa máis traballo, e/ou que o existente sexa remunerado pouco dignamente. Desde o estourido da crise mudaron as condicións legais de emprego e mais de despedimento, así como a capacidade de fixar condicións nas relacións empregador/asalariados; dánse, de feito, condicións de explotación non vistas desde o século anterior. Así, por exemplo, os turnos de traballo nun grande número de empresas son fixados de acordo cos horarios de comenencia do empregador. Certo que nos servizos de hostalaría non se pode funcionar con horarios de oficina bancaria. Pero aquela reivindicación do século XIX de 8 horas para traballar, 8 horas para o descanso e 8 horas para o soño reparador ficou convertida en 12 horas de traballo repartidas ao longo do día en turnos de 4 horas: de 7,30 á 11,30, de 13 á 17 e de 20,30 a 0,30h. A remuneración das horas extras é un artigo de luxo do pasado, nen se pretende. Os cambios de horario, turno e libranzas son marcados unilateralmente polo empregador e ás veces dependendo dunha capacidade organizadora nula ou de desprezo absoluto pola vida privada da traballadora (si, porque son abrumadoramente mulleres) que, como pode quedar en evidencia en caso de soportalo, non dispón de tempo de vida nos meses de traballo, ou —como diría o máis acedo dos humoristas— para que quere vida privada se non ten con que sostela!!. Sen salarios dignos e sen tempo de vida non pode haber consumo nen tirón polo crecemento económico.

Comentarios