Opinión

Crise e oportunidades

NON CABE dúbida de que a crise económica que veu da man da pandemia —co cesamento de moitas actividades— vai ter unhas consecuencias económicas non coñecidas desde hai décadas, polo menos no aspecto máis visíbel da actividade económica concentrada nas cidades: a realidade observábel no presente amósanos cerramento de pequenos comercios, de restaurantes, bares e hostalaría, de servizos persoais..., desemprego e máis desemprego. No pasado recente —e sen ter forma de crise aguda—, a economía galega ten soportado cambios menos cruentos pero de semellante calado, coñecidos os efeitos no tecido produtivo galego. Referímonos á desindustrialización (manufacturas de todo tipo, desde confección, calzado, equipos mecánicos, industria química, transformados da madeira, construción naval e auxiliares...). Lembremos a descomposición da produción agrogandeira propria (desde o cambio de especies animais proprias por razas foráneas até a morte antes de nacer dun grande grupo lácteo galego...). Citemos así mesmo o arrumbado do comercio de pequena e mediana escala, a aniquilación das caixas de aforro proprias..., e todo isto adubiado cunha emigración que a modo de sangría demográfica non cesou na segunda metade do século XX e continúa hoxe. O paradoxal destes feitos é que o crecemento de renda computado (de aumento numérico evidente) ten unha componente enganosa: médrase cara afora; son compañías multinacionais que fan negocio aquí, e a renda distribuída en forma de salarios fica na Galiza, mais repartida entre un número cada vez menor de traballadores. Galiza perdeu poboación de dereito e de feito; desde 1960 non medramos nada senón que decrecemos. E seguimos expulsando emigrantes: nos últimos 30 anos máis de 197.500 galegos, que son unha parte da poboación en idade activa—laboral e reprodutiva— e, que de ficaren aquí, farían medrar poboación e economía. 

Hoxe a crise médese en termos de caída do PIB nun 18% (4 pontos menos que a media española), só nun trimestre. Cómpre ollar cara diante e tratar de focar a etapa próxima con propostas económicas que, xerando riqueza, fagan que o excedente fique no país para ser utilizado en crecemento novo autocentrado. A primeira aprendizaxe da crise evidenciou que o vínculo crecemento/turismo pode ter consecuencias moi negativas, xa que, se cesa o turismo, e o capital empregado nesas actividades pérdese, destrágase. E o emprego nos sectores asociados destrúese. Pódese viver co turismo pero non do turismo. A segunda evidencia é que a producción galega nacida nos recursos proprios e vinculada á industria de transformación non só non desapareceu senón que é responsábel da menor caída do PIB galego: a produción leiteira, de gando de carne de todo tipo, de pesca, os transformados/conserva de pescado e de carne non só non decaíron senón que, producindo alimentos para toda España, xeraron aquí novos postos de traballo. Ese é o camiño: aprofundar nas posibilidades proprias e fiar moito menos na vontade e posibilidades alleas. Hai capital propio, hai recursos proprios, temos forza de traballo cualificada: creemos industria, que é a única fonte fiábel de riqueza.

Comentarios