Opinión

Da UE: hai porta de saída

ESTA SEMANA, á parte de rematar coa xornada de reflexión preelectoral despois do suspenso na primeira convocatoria, imos observar, desde a distancia curta da mar oceana por medio, como se manifestan os británicos no seu referendum. O día 23, véspera do San Xoán, alá van citar a confluencia de todos os lares, manes e penates para se orientaren ben na votación: uns a favor, e outros en contra de permaneceren na Unión Europea. Como semella que é cousa só deles e xa que coincide con esta especie de morne ou adormecente campaña electoral, podería pasar desapercibido como acontecemento europeo. Non obstante, saia o resultado que for, é dunha importancia grande, xa que supón por primeira vez o cuestionamento dunha regra de xogo comunitaria que até agora non se puxera a proba: a UE é un clube no que hai normas de entrada pero están sen redixir as de saída. Aos pais fundadores da Comunidade Europea pareceulles que en tal gloria de unión non habería nunca nin a primeira posibilidade remota de pensar en abandonar ese Edén.

Porén, a historia da Unión non pode ser descrita como un único camiño de trazado lineal. Nen o propio Reino Unido no seu momento nen os países nórdicos gozaron do entusiasmo baballoco dos medios de propaganda españois para adherírense á Unión, naquel intre Comunidade Económica Europea. Ese proceso explica que Noruega nunca entrase na UE: dous referendums en contra; que Islandia nen o plantexase; que a Suíza nen se lle ocorrese e que a Rusia actual -problemas actuais á parte- goce dun status de relacións privilexiadas en moitos campos de actividade económica. Mesmo no caso da actual blocaxe de certos intercambios, como é o caso do leite, padecemos os galegos o rebote da prohibición dos intercambios con Rusia, como castigo pola invasión de Ucrania. Os gobernos da transición tiñan tal ansia de facer unha veloz aterraxe na Europa desexada que o ideal europeo, unión de todos os bens posíbeis, podería ser dixerido aínda que os custos do ingreso fosen certos. Estes, e os de permanencia, teñen un reparto non igualitario: por sectores de actividade económica, por nacións e por capas sociais. A pesca e a agricultura atlánticas: grave prexuicio. O capital financeiro: grande posibilidade de gaño: só as perspectivas dun mercado do tamaño comunitario eran un soño. Galiza prexudicada; Cataluña, beneficiada. Así mesmo, o acceso aos fondos comunitarios garantiu durante moito tempo un manexo financeiro de fondos novos impresionante. A abundancia de cartos disponíbeis para regalar construcións e comprar votos foi unha especie de maná cun herdo de paseos marítimos, portos exteriores e interiores, edificios de todo tipo, úteis e mais o contrario, aeroportos sen tráfico, obra, obra, obra..., unha faraónica e outra faraonciña que nin se dá sostido sequera. E o principal e primeiro: a capacidade produtiva propia esmagada grazas aos intereses dos que atoparon na UE unha forma cómoda pero suicida a medio prazo de viver. O brexit amosa que se pode pensar en saír e non vai reinar o caos.

Comentarios