martes. 19.01.2021 |
El tiempo
martes. 19.01.2021
El tiempo

Democracia mollada

ESTA DENOMINACIÓN forma parte do noso vocabulario familiar. No ano 1977, nas primeiras eleccións democráticas despois do período escuro coñecido como franquismo (no día 15 de xuño, hai hoxe xustamente 38 anos), utilizouse moito papel como medio de difusión de candidaturas, programas, convocatorias e demais actos propios dunha campaña electoral. Na rúa San Marcos, face á Deputación Provincial, había dúas fontes case do mesmo tamaño que a fachada do edificio. Despois dunha tormenta semellante á destes días apareceron as fontes cobertas en toda a superficie de ‘volantinas’ e panfletos arrastrados a modo de follas vellas polo desconsiderado ar da trona. A miña filla, que apenas tiña tres anos mais posuía unha grande capacidade observadora e de síntese, fixo a seguinte composición: "mira canta democracia mollada". Isto vénme ao pensamento cada vez que leo as declaracións de comenencia sobre o que é democrático ou non, na boca precisamente de quen se caracteriza por exercer mandatos democráticos como se de dereitos naturais se tratar. Seguramente estou errada, é probábel que a miña concepción da vida democrática en convivencia sexa nada máis que unha utopía e que me falten uns cantos chanzos para baixar e pór definitivamente os pés na terra. Tamén pode ser que cando baixe todos eses niveis xa non pague a pena erguerse, ou ben toda eu estea ao mesmo nivel que os pés. O caso é que considero que o mandato en democracia é por delegación dos votantes que depositan unha confianza para o goberno de certas parcelas da vida en sociedade. Por delegación quérese dicer en representación de, e non existe entrega de vida e obras, non existe poder en termos absolutos nen inmunidade á crítica, ao control e á posibilidade de remoción. Por representación enténdese que a soberanía reside no pobo votante: non é do votado. O candidato elixido democraticamente é so iso, ou nada menos que iso, un representante. A liberdade de acción dos representantes foi estabelecida no marco dos poderes delegados que lle foron outorgados no acto da votación. Fóra dese marco non hai democracia que valla, xa que se estará exercendo un poder non outorgado, non concedido en representación.

Se a democracia actual e os usos maioritarios que facemos dela conseguiron mudar case completamente as regras do entendemento democrático, ter unha democracia mollada é o mesmo que ter un contrato mollado coa tinta completamente esvaída: non pode cumprir o papel de contrato.

Asistimos esta temporada de post-eleccións municipais ás máis penosas demostracións de indixencia democrática só para defender intereses persoais ou partidarios. Quen escribiu e onde está rexistrado que as eleccións son gañas polo partido que obtén máis votos nunha circunscrición? Todos e cada un dos votos teñen o mesmo valor e significado e o que dispón a lei para o goberno municipal é que o alcalde-presidente da corporación elíxese polos concelleiros en sesión plenaria. Certo que o lexislador supuxo de boa fe que se debería elixir o mellor e non o pior ou o mediano para presidir a dita corporación, pero como todas as relacións humanas hai aínda certo camiño cara á perfección.

Democracia mollada
Comentarios