jueves. 09.12.2021 |
El tiempo
jueves. 09.12.2021
El tiempo

Dereito a pensións dignas (e II)

ESTABELECIDO o principio de acceso a unha pensión de xubilación de todos os traballadores, a discusión cambia de campo cando se fala de se chega ou non o existente neste momento na caixa de pensións da seguridade social. O problema a resolver é garantir un fluxo futuro de ingresos suficientes para abonar as pensións que se producirán de agora en adiante. Se, en primeiro lugar, eliminamos o uso desa caixa para abonar gastos improprios, xa se está xerando na xestión das pensións contributivas da seguridade social unha folgura suficiente eliminando a primeira liña de pánico. Se, en segundo lugar, se racionaliza a xestión administrativo-burocrática dos organismos xestores (nomeadamente o INSS, ISM), xérase tamén outra fonte de aforro, aínda que neste apartado a capacidade do Estado sexa moi dubidosa. E se, finalmente pero non menor, se incrementan os ingresos pola vía da eliminación paulatina da temporalidade, a precariedade, o traballo a tempo parcial (polo menos cotización parcial), e tamén paulatinamente se elimina unha parte substancial da economía submerxida, é evidente que as fontes de ingresos da caixa da seguridade social experimentarán un crecemento seguro.

En calquer caso, a xestión/ administración da caixa da seguridade social padeceu de falta de perspectiva, de previsión e de mudanzas na organización, para estar á altura dos requerimentos actuais. Ao longo dos últimos 50 anos fóronse incorporando ao rexime xeral colectivos inicialmente non recoñecidos. Estes colectivos, en distinto grau (os do rexime agrario, autonómos, empregadas de fogar, certos oficios vinculados á pesca...), acadaron dereitos laborais antes non recoñecidos e, nalgúns deles, dereitos á pensión contributiva. A necesidade de dotar de achegas á seguridade social vía afiliación e mais cotización equiparábel aos asalariados do rexime xeral é aínda un tema sen solución. Quen pode defender sen enrubiar que un autónomo cotice o que está estabelecido por lei como máximo posíbel e logo non teña dereito á pensión máxima senón a unha tipo salario mínimo? A gama de autónomos cotizantes é amplísima e só nalgúns casos é asimilábel a alguén perceptor neto de rendas de capital, por tanto, o trato legal tería que ser ben distinto nun e noutro caso.

As mulleres que traballaron en calquer campo de actividade sen dereito a cotizar, por seren asimiladas a axudas familiares, foron por norma eliminadas da listaxe de posíbeis contribuíntes e, por tanto, de posíbeis receptoras de pensións contributivas. As cantidades na realidade económica galega son de escándalo, e non pasaron 20 anos desde a discusión en Cortes (a iniciativa do BNG) do dereito das mariscadoras a se afiliaren como traballadoras no ISM. A pergunta no mostrador das delegacións galegas era: está o seu home afiliado ao ISM? É dicer, as deficiencias existentes na xestión dos novos afiliados, na identificación das fontes de fraude, na eliminación da temporalidade sobreimposta, a conversión dos empregados públicos precarios en fixos, dos temporais en continuos e dos das subcontratas en equiparados aos públicos crearía pouco a pouco fontes de achegas máis que suficientes para converter a caixa da seguridade social en suficiente.

Dereito a pensións dignas (e II)
Comentarios
ç