Opinión

Dereito a pensións dignas

Hai un mantra mediático, difundido polos salvadores dos intereses financeiros privados, que repite atá a saciedade burdas mentiras como que o "fondo" de pensións non dá máis de si (chegan a dicer que está quebrado), que non se poden seguir dando (outra palabra de dubidosa semántica neste caso) pensións a todos, que cada un ha recibir segundo o que pagou, que non se poden soportar tantos xubilados (mesmo fan ‘ratios’ de: hai tantos traballadores por tantos xubilados), e que non hai máis cartos para revalorizar ás pensións adecuándoas ao custo da vida actual. De todas esas formulacións non hai nengunha verdadeira, e, no caso suposto de que haxa algunha persoa crédula que razoe de boa fe, impelida polo pánico, é conveniente pensar un pouco desde outra perspectiva.

No Estado español, ao igual que nos estados europeos da UE e mesmo da área económica da EEE (espazo económico europeo) recoñécese o dereito de todos os traballadores receberen unha pensión de xubilación garantida polo Estado. No caso español está recollido este dereito na Constitución (e a revalorización adecuada). Propoñer outra cousa é violar a Constitución. Neste caso é máis que un dereito: pode ser interpretado como un contrato entre os traballadores e empresas cotizantes e o Estado. Non está ben violar a Constitución e incumprir contratos.

Na UE e no EEE non ven con bons ollos estes incumprimentos. O mandato da UE ao Estado español é que deixe de usar o rubro da seguridade social destinado ás pensións para outros fins. Que ese asunto si que non está ben. A seguridade social ten hoxe máis ingresos que nunca: nunca houbo, e menos en épocas de crise, 19 millóns de cotizantes. O que se fixo de forma irregular é detraer do sistema público de pensións partidas para usos que non son pensións e que deberían ser abonadas con cargo a partidas orzamentarias para solidariedade: para retribruír en subsidios, chámanlle pensións pero non son tal, para prestacións de orfos e fillos, axudas a autonómos, subsidios á viuvedade... Estes gastos improprios fan semellar que non chega o existente no sistema, e resulta unha apreciación falsa. O sistema dá de si para pagar aos pensionistas e para soportar as subidas de percepcións segundo vai aumentando o custo de vida.

O recebido polos pensionistas españois non é un agasallo. Despois de 40 anos ou máis de traballo e cotización, parece un atentado discutir a un traballador o dereito a unha pensión digna. Cal é a saída proposta? Nengunha, porque aos 70, 80 ou máis anos, a perspectiva de non ter ingresos para sobreviver dignamente é algo así como interiorizar  que xa se está de sobra, e de novo volvemos aos dereitos humanos.  O Estado ten que resolver os problemas de necesidade de fondos para asistencia ou para subsidios e subvencións, mais non baleirar pouco a pouco a caixa da seguridade social. Hai máis temas inseridos neste: o recoñecemento do traballo das mulleres con pouca ou sen cotización, os traballos e os salarios precarios…, é dicer, a adecuación dos orzamentos públicos ás necesidades colectivas e non á inversa. 
(Continuará).

Comentarios