A OCDE, organismo de recoñecido prestixio entre as élites do poder, acaba de recomendar que sexa incluída a materia de Finanzas no ensino obrigatorio. A OCDE deuse conta , é consciente, de que no ensino público español aínda hai posibilidade de apertar un pouco mais a presión sobre os alumnos e ensinantes. Pódese dar aínda unha volta de corda, de corda de afogar, para lograr unha mellora nos coñecementos, nos rendementos e na cualificación dos futuros traballadores.
Na OCDE constataron que os efeitos negativos sobre as finanzas privadas dos españois eran debidos á ignorancia absoluta en materia da xestión do diñeiro,como se a crise financeira presente fose consecuencia en parte da ausencia da materia de Finanzas no ensino obrigatorio.
A OCDE é consciente de que no ensino público español aínda hai posibilidade de apertar un pouco mais a presión sobre os alumnos e ensinantes
O borrador do proxecto de decreto polo que se estabelece o currículo de Educación secundaria , na Galiza, recolle nos Anexos o conxunto de materias troncais, específicas e de libre configuración autonómica que haberán constituír obrigatoriamente as materias a impartir. Cinguíndonos só ao Ensino Secundario Obrigatorio (ESO), o bloque de materias troncais preséntase ao longo de 860 páxinas, compendio dos saberes en: Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Aplicadas á actividade profesional, Economía, Física e Química, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial, Latín, Lingua Castelá e Literatura, Matemáticas, Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas, Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas, Primeira lingua estranxeira, Tecnoloxía, Xeografía e Historia. Ademais, a listaxe de específicas que inclúe: Artes escénicas e Danza, Cultura científica, Cultura clásica, Educación física, Educación Plástica, Filosofía, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial, Música, Segunda lingua estranxeira, Tecnoloxía, Valores Éticos. E, en último lugar, a materia de libre configuración autonómica: Lingua galega e Literatura.
Ao longo de catro cursos académicos de ESO -12 aos 16 anos- os nosos infantes han tragar 25 materias distintas. Isto non parecería grave, só extravagante, se non fose que hai algunhas que é obrigatorio cursar todos os anos, co cal a carga por curso responde á presenza das anuais obrigatorias máis todas as engadidas. É dicer, o reparto non é 25 materias en catro anos senón materias anuais inescusábeis (Lingua Castelá, Lingua Estranxeira 1ª, Lingua Estranxeira 2ª, Matemáticas, Xeografía e Historia, Física e Química, Educación Física, E. Plástica, Valores Éticos,Música e Lingua galega e Literatura) máis o que queda até 25 materias. Resumindo: esmagador para os rapaces e estresante para os mestres, co resultado final dun fracaso escolar perto do 30%.
(Resulta) Esmagador para os rapaces e estresante para os mestres, co resultado final dun fracaso escolar perto do 30%
A OCDE observou que existía a notábel ausencia do estudo das finanzas. De aí propón (e ao pior fanlle caso), que se engadan os coñecementos de Diñeiro e Transaccións, Planificación e Xestión do diñeiro, Risco e Diversificación e Perspectivas financeiras. Albiscan que, en ausencia de sanidade pública e mais dun fondo público de pensións, lograda a mantenta con políticas ultraliberais, os cidadáns contraten seguros privados e fondos privados: aí reside a utilidade da materia Finanzas como aprendizado da xestión do diñeiro. Mágoa que teñamos case 5 millóns de parados e poucas perspectivas de que o diñeiro sexa un fluído que non se saiba como gobernar. Gostaríanos que a OCDE non fixese bulra das nosas desgrazas.
Se mantiene el idioma original del artículo.