domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

A electricidade e os usuarios sen forza

OS USUARIOS de electricidade de consumo doméstico, e aqueles outros que non son grandes consumidores, temos un problema: non podemos prescindir da subministración eléctrica, cada vez somos máis dependentes dela para todo, e por outra parte non temos nengunha opción de plantexar un aforro, un contrato ou unhas condicións distintas das impostas polas compañías. E isto, nun país no que hai un excedente continuo de enerxía eléctrica, no que se segue exportando, no que soportamos os custos sociais de ter unha parte do territorio dedicado á produción. Os ríos non son nosos, son da compañía de enerxía hidroeléctrica; o ar contaminado das térmicas prexudicounos a nós, e non aos que usan en Madrid (por exemplo) a electricidade producida aquí; as perdas do uso alternativo da terra sofrémolas nós en formas diversas: na ribeira dos ríos con asolagamentos de aldeas, casas e mesmo vilas medianas, coa correspondente desaparición de terras de cultivo. En Meirama, cun esvaído do lugar sen traslado de poboación, e nas Pontes cunha especie de lagoa, ‘envexa’ dos que non viron nunca unha de auga limpa. E iso que non contamos, porque parece parte da paisaxe natural, os quilómetros cadrados de terra útil dedicados ao transporte de electricidade para ser enviado aos consumidores intensivos tanto os aquí instalados como os que importan enerxía. Se tivésemos ocasión de cobrar un imposto polo uso de paso das liñas de alta e media tensión seríamos ricos en fondos públicos, mesmo poderíamos permitir pagar o consumo de electricidade libre dos impostos que hoxe son o 65% do recibo. Porque, e isto é o que nos escandaliza, os impostos que cobra o Estado co recibo da electricidade non son para as arcas públicas, non, son para recadar fondos de subvención para as pobres empresas de enerxía eléctrica, que despois de cotizar en Bolsa, ser multinacionais, expandirse por todo o mundo que poden, realizar os investimentos que lles peta, aínda son quen de presionar ao Estado para seren retribuídas por uns conceitos inventados: un por compensación de caída da competencia!!!, e outro por axuda aos investimentos en electricidade e gas. É dicer, repito: empresas multinacionais, que cotizan en Bolsa con lucros anuais sabidos, declarados, con reparto de dividendos entre os seus accionistas, con negocio internacional competitivo, teñen o santo arroallo de utilizar a súa forza e capacidade sobre o Estado para receberen subvencións a conta de todo usuario doméstico e da pequena empresa!!! Isto chámase democracia económica e bon reparto da carga impositiva!!! Dado este escenario, non resulta rechamante que o entusiasmo social cara ao trato especial dos grandes consumidores (agora denominados electrointensivos) sexa realmente reducido. Fundamentalmente por dúas razóns: non fixeron ren nos anos que levan instaladas no país por aforrar electricidade, non investiron no cambio dos procesos de produción para, modernizando, aforrar. non intentaron producir e consumir electricidade de orixe solar ou eólica. E, ademais, en lugar de comparecer, botan contra o mundo (nos pobres usuarios) a carga da culpa do seu peche, o paro creado e a desaparición, planificada desde a instalación.

A electricidade e os usuarios sen forza
Comentarios