Opinión

Un estado débil en evidencia

A economía española, sendo forte, adoece dun Estado débil. Ter un Estado forte, poderse valer dunha representación no mundo que teña prestixio polo seu saber facer en economía ou en estratexia propria de alianzas, ten consecuencias económicas directas, e outras derivadas que non van nunca á contra da corrente desexada de benestar. Nesta ocasión, para ter vergoña allea, contamos coa colaboración inestimábel do ex Rei: o penúltimo Borbón actuando en modo avestruz e coa colaboración necesaria do goberno do Estado que xogou un penoso papel desde o goberno central. A modo de parente pobre e vergonzante dun pacto constitucional que non obriga a ninguén a encobrir delitos, topamos co Presidente do goberno declarando prosmadas do seguinte calibre: 1ª: as conversas coa Casa Real son confidenciais 2ª A Casa Real tomou a decisión 3ª Submétense as persoas a xuízo, non as institucións. 4ª Non coñezo onde está o Rei emérito…

Primeira paniogada: non hai interese en coñecer as conversas de ninguén con ninguén e moito menos as "conversas de P. Sánchez coa Casa": quen fala pola "Casa"? Ou a "Casa" emite psicofonías? Temos dereito a coñecer como o presidente do Goberno en uso da potestade gobernativa que ten, obrigou ao Rei a tomar unha decisión que amañase un pouco a deterioración e burla internacional do encausamento en Suíza de Juan Carlos de Borbón. Temos dereito á información e á transparencia das actuacións, xa que o Rei non goberna nen decide nada en asuntos de goberno nen en cuestións de natureza xudicial. 

2ª A Casa Real non decide nada por si soa. Unha cousa é que o Estado Español teña pola Constitución forma de Reino, e outra, que esa forma teña contido algún de poder executivo.

3ª As institucións non son formas sagradas de nada e parte do seu contido envórcase polo cavorco do desprestixio, camiño da aniquilación, se as persoas que as compoñen son non desexábeis. Para que necesita un xefe de Estado unha fortuna persoal amasada de forma inalcanzábel para calquer cidadán: isto é, grazas ao proprio feito da súa primacía. A pergunta seguinte é: pensaba en que sería botado en algún momento? Era menos constitucionalista que os partidos políticos estatais?

4ª Se o presidente dun país di que perdeu —polo mundo— ao antigo xefe de Estado, é que realmente temos un outro tipo de problema: o presidente precisa estar mellor informado porque así non sabemos cara onde imos.

Aínda que só nos estivésemos referindo á parte simbólica das institucións, non por iso carece de importancia. Os símbolos e o contido das súas expresións xogan un papel tan necesario como os proprios feitos obxectivamente avaliábeis. Gozar de recoñecido prestixio internacional non é un valor que se poida comprar no mercado: non hai tráfico internacional de prestixio nada máis que para perdelo vía amantes avisadas, cazatas diversas ou fortunas mal adquiridas. Hai cousas que só lles pasan aos españois, mesmo aos que din respeitar a sagrada Constitución até para se esquecer da dignidade.