Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

EXB

ISO ERA antes. Agora o termo educación desapareceu: veu substituído polo de ensino, e naturalmente, ensinar, pode ensinar calquera, e a calquera, por exemplo, a medio conducir autos, a non saber andar polas beirarrúas, a non saber quen debe saír ou entrar por unha porta pública, a cuspir na rúa, a tusir de fronte aos presentes, a tocar o pan dos demais nos estabelecementos públicos, a palpar e catar a froita coas unllas, a falar por cima doutra persoa proxectando as miasmas do seu alento, a non se lavar as mans despois de usar o aseo, a tirar os chicles na rúa e deixar pegada pública do paso, a abandonar mascotas previo estercado público das súas defecacións, a sacar o dedo índice pola ventá do vehículo despois de cometer unha infracción de tráfico, a se adiantar nas fileiras dos súper, venda de billetes, recollida de malas nos aeroportos, a berrar de maneira desmesurada en lugares públicos, mesmo por teléfono, a agachar as cabichas dos pitos na area, como se ao mar lle gostase aproveitalas, a manipular os resultados de supostas civilizadas xuntas de propietarios de predios en comunidade, a eludir o pagamento de impostos e mesmo, se cadrar, a defraudalos… Educar, o que se di educar, xa é fariña doutro fol.

A educación pública, financiada con fondos públicos, chámase ensino primario; sobreenténdese que virá seguido por un secundario

Agora, a educación pública, financiada con fondos públicos, mesmo a concertada —negocio privado con fondos públicos— chámase ensino primario; sobreenténdese que virá seguido por un secundario: ESO (quere dicer que non é ‘aquilo’) e antes continuábase por un ‘non universitario’ (que xa é moito definir un ensino polo que non é) e agora chámase bacharelato.

Resumindo, onde e quen educa aos rapaces? E din a maior parte dos enquisados (agora cámbiase o coñecemento polas opinións e estas proceden dos viandantes en paro, xubilados ou viaxeiros que son os que atopan os reporteiros ás 11 h. da mañá na rúa), digo, din: os pais na casa. A educación é cousa da casa. Concordamos, pero non chega, iso non é o asunto da responsabilidade de socializar as criaturas que se botan ao mundo. Ao viver no seo dunha familia (de que familia adoitamos falar?, primeira cuestión a resolver pola educación pública), as criaturas, seres humanos de menor idade, aprenden e deben aprender todo o relativo á convivencia nese núcleo e mais, se cadrar, o comportamento no público coas limitacións, correccións e sancións que for preciso, pero para se dar este suposto é necesaria unha condición indispensábel: que haxa convivencia. Se os nenos saen de casa á gardaría as 7.30 da mañá e volven ás 17 horas, baño, cea ás 20 e dormen até o día seguinte ás 7 h., moita convivencia non hai. Se na idade escolar se repite máis ou menos o mesmo esquema con comidas no colexio, é perfeitamente explicábel que vexas hoxe a moitos adolescentes comendo cos pais nun restaurante, empuñando garfo e coitelo como se de armas de caza maior se tratar: tal e como vin que eles aprenderon nos debuxos animados que máis que animados parecen entolecidos sanguinarios (Continuará).

EXB
Comentarios