Opinión

O exemplo da política ben feita

DICER DALGUNHA cousa que é boa, ben feita, saborosa ou de alta cualidade, soa —en termos científicos ou polo menos contrastábeis— a valoracións subxectivas. Certo: o que é bon para unha persoa, para outra é corrente. O que goza de elevada cualidade, se non vai unido a unha marca de mercado recoñecida, non ten éxito —por desgraza, nen de mercado— e xa indo ao campo dos gostos en alimentos gozan de atributos que foron construídos de forma histórico-cultural. Exemplos concretos son abondosos. As preferencias do polo de granxa sobre o de curral van moito máis alá da diferenza de prezo. A escolla do salmón sobre os pescados da ría frescos, ou mesmo os conxelados de alta mar, non se explica polo prezo, mesmo é paradoxal.

A cualidade do liño sobre os tecidos sintéticos é incuestionábel e, non obstante, o primeiro cobre segmentos do mercado só de luxo e os segundos dominan no mercado mundial de tecidos. E cando se trata da cualidade neste caso referímonos ao influxo dun e doutro tecido sobre a pel como contacto directo das prendas de vestir. Poderíamos seguir así longamente, só para pór de relevo, que son opinábeis todas as cuestións que veñan adxectivadas con eses atributos. Porén, en fabricación de produtos industriais, en servizos da administración pública, en servizos de entidades privadas, en agricultura, en gandaría, no cuidado e atención de nenos e dependentes doutras idades, en ensino e en sanidade, hai formas de facer que están ben, e outras mal, ou moi mal. E hai maneira de medilo. E cando algo se mede —como é en comparación cun modelo baremado— xa se pode dicer que é bon, ou malo ou mellorábel, sexa un ben ou un servizo da administración pública. Moito máis alá do chamado sentido común, todos temos, e moito antes de que apareceran as axencias de certificación, unha idea formada do que está ben feito e do que está mal feito. A semana pasada faciamos referencia á posibilidade de que bordos paralegais de aplicación das normas urbanísticas rematen na construción dun estafermo, coa coartada de construír vivendas. Imaxinemos que a política municipal estivese á altura das circunstancias do presente nos restantes asuntos. Unha discrepancia sobre unha nova construción sería só pecado menor facilmente asimilábel no mar de execucións excelentes. Mais, infelizmente, non é o caso. Entre o que se ve a simples vista e o que se vai observando no plano das execucións municipais (ou a falta delas) lamentamos profundamente non ter como cidade os representantes que nesta etapa histórica se requiren. Alguén, xa desesperanzado, opinará que dá igual, que a iniciativa privada vai suprir esa ausencia.

E, non obstante, hai casos que demostran que unha boa actuación municipal contribúe de forma neta e colaborativa aos novos proxectos de cidade. A acción positiva municipal —ben feita, medida externamente e non por opinións— logrou en cidades mesmo deterioradas polas industrias, ou por rematar o seu ciclo como capitais, reviver e atopar un novo lugar no mundo. Si, existen en política, labores ben feitos, e outras, non feitos ou mal feitos.

Comentarios