Opinión

Falar de princesas (e II)

Non se trata de compartir gastos prescindébeis con outros necesarios, senón de examinar o rol na sociedade actual da familia monárquica 

Dicíamos hai uns días que a relevancia dun divorcio máis ou menos na familia do Rei é reducida. O que sucede, cando existe unha familia no sentido amplo da mesma que ten un vínculo directo e indirecto co funcionamento do Estado, é que a cuestión xa cambia de nível. Pola parte da representación é evidente que todo efeito negativo sobre a reputación da institución modifica o seu carácter lexítimo: perde capacidade de xerar exemplo e perde posibilidade de intervir como árbitro no campo das institucións restantes do Estado.

A primeira condición que debía cumprir un rei, cando a monarquía era electiva, era precisamente ese rol de primeiro entre iguais (‘primus inter pares’): os nobres detentadores do poder elexían o considerado mellor entre eles para representar a médula dese poder. É precisamente esa característica a que o convertía en superior ao resto, por representar un poder trasladado, por lle recoñecer cualidades superiores e por débito en conduta á colectividade de poder.

Unha vez que a monarquía pasou a ser hereditaria procuraron -os reinantes- conducirse da mellor maneira, aínda que só fose por conservaren o posto. Houbo países onde non o lograron e desapareceron do reinado, case sempre baixo o varrido dunha revolución, e, noutros casos, o avanzo da historia deu unha volta na espiral do tempo e repuxo unha institución monárquica correspondente a un pasado periclitado. E iso é o que temos: unha xefatura de Estado cunha monarquía inventada e reconstruída sobre unha familia, que cría ter direitos sucesorios, nun estado non monárquico (de 1939 á 1975 foi unha ditadura ‘civil’).

Non se trata de comparar gastos prescindébeis con outros necesarios, senón de examinar o rol na sociedade actual da familia monárquica

O caso é que a xefatura de Estado se mantén economicamente a conta dos orzamentos do mesmo, que se nutren cos impostos e demais elementos recadatorios públicos. E sen ser cuestión de valorar os custos de tal institución, que existe nas repúblicas de calquer parte do mundo, si é preciso citar que as condutas máis ou menos disolutas acarretan gastos absolutamente prescindíbeis. Imaxinemos a situación dun Presidente de república xubilado con ampla familia: nen se pensaría en pagar escolta ao xenro en cumprimento de condena atenuada.

Non sería posíbel imaxinar que un presidente de república xubilado viaxe e viva a conta do Estado (terá a súa retribución persoal recoñecida por lei). En cambio, España está nos meios de comunicación do mundo amosándose incapaz de resolver graves problemas de xestión dos fondos públicos: o erario financia vida, estadía e ocios dunha familia extensa e un pouco vivedora de máis: nen é moderno nen pensamos que merezamos eses dispendios. O que si parece que ten un rol a xogar a familia real é como material informativo de distración.

Mentres se acepte como vida normal e pagada por todos tamén se entende normal a falta de fondos para outros gastos mesmo non necesariamente equiparábeis en magnitude aos da monarquía. Un grande cambio de perspectiva social -que non está na axenda dos gobernantes- faría posíbel un enfoque á altura dos tempos. Non se trata de comparar gastos prescindébeis con outros necesarios, senón de examinar o rol na sociedade actual da familia monárquica.

Comentarios