Opinión

Falar de princesas (I)

NON É que non queiramos falar de princesas por principio. Lembramos que no tempo en que eramos nenas vivemos rodeadas de contos de formosas e felices princesas co perigo conseguinte —para algunhas rapazas— por acreditaren nunha futura vida de idem. De feito o impacto recebido polas ondas de realismo da vida fixo ferida profunda en moitas persoas da clase traballadora que creron nos reis até a idade adulta. O único relevante, ao noso entender, para ser tido en conta son dous aspectos dos acontecementos relacionados cunha filla do rei fuxido: a calidade das institucións do Estado e mais a cortina de fume que significan as novas referidas á vida familiar dunha antiga herdeira ao trono de España, xa que atravesamos unha etapa de graves problemas políticos e económicos con certa relevancia para a vida diaria dos cidadáns. Hai dous aspectos do mesmo feito que se utilizan por vía da divulgación de novidades que serven tanto ás empresas de comunicación como engado para incrementar audiencias, difusión e negocio, e outro que tamén forma parte deses intereses como manobra de entretemento, de distración, para non tratar outros asuntos ou aspectos relevantes dese mesmo feito.

Así, pódese opinar que ao público interesado nos lareteos pódelle importar un divorcio máis ou menos, mesmo no caso en que os protagonistas teñan a ver coa familia real. Mais as circunstancias que rodean a familia agora separada son singulares. A imaxe esperada dunha familia ascendida por lei ás altas esferas do poder de representación do Estado debería se corresponder coa idea común do que é o Estado: en prestixio, exemplaridade e disposición no servizo público. Esas expectativas, e deberes, foron varias veces defraudados en cada un dos seus rubros. O prestixio pende do fío da parella reinante ocupada na mostra dun hieratismo proprio da imaxe transmitida dos reis exipcios. Asociouse á distancia social, ao non facer nada, para non se equivocar, e ás intervencións públicas contadas, pesadas e medidas en función do ditado dos intérpretes áulicos, para defender a sagrada unidade de España. Hai que facer o posíbel para que só constitúa un escándalo internacional de baixo perfil o rol do Rei anterior, que non pode manter o seu status de cidadán español en territorio español. Só para nos facer una idea da gravidade comparemos o que sería a vida dun expresidente dunha república dun país europeo, en causa xudicial ou investigado, por razóns de mal uso do seu cargo. As accións dun Xefe de Estado exercente como tal deben ser limpas, exemplares e transparentes. Os padecementos proprios da súa condición persoal en referencia a amantes, enguedellos e demais asuntos só son valorábeis na medida que afecten o seu traballo como Xefe de Estado.

Por esta razón todo o que se poida predicar negativamente de calquer membro do que antes foi a familia real afecta o Estado español (No Estado débil español os eufemismos son legais: familia real: 4 membros e familia do Rei, a familia real). O aspecto segundo, é dicer, opacar os feitos realmente importantes do presente político, merece outro espazo (Continuará).

Comentarios