Opinión

Fomento, responsábel

Podería ser interesante que os concellos, nas normas de permiso de edificación, prohibisen construír vivendas e/ou outros edificios nas estradas de circunvalación

A SEMANA PASADA fixemos unha petición de atención dirixida á Dirección Xeral de Tráfico, ao noso entender corresponsábel da xestión do mesmo. Pois ben, un leitor moi ben informado aclárame que a entidade responsábel da sinaléctica das estradas é, en cada caso, a entidade titular da propriedade da vía, co que os usuarios/condutores sofremos, no caso extremo, ser vítimas de sinalización con cinco criterios a saber: Fomento (Estado español), Xunta de Galicia, Deputación Provincial, Concellos e, se así cadrar, da empresa concesionaria das vías de alta capacidade. Ao parecer, a actuación da Dirección General de Tráfico (DGT) cínxese a aplicar a norma de circulación marcada polos sinais existentes, que outros organismos colocaron.

Sen necesidade de comentar a falta de coordenación ou, mellor dito, colaboración entre os responsábeis de aplicar as normas (DGT) e os responsábeis da creación das mesmas, resulta rechamante que nun mesmo espazo xeográfico habitado, usado e transitado poidan conviver —e polo que parece non en paz— 5 criterios distintos de reflectir en sinais as obrigas de respeitar as leis que regulamentan o tránsito. Como é evidente, non é igual manter un criterio de velocidade en Castela, en Aragón, en Extremadura ou en Asturias. Non cito aquelas comunidades autónomas que por virtude dos seus gobernantes espeliron hai décadas e teñen competencia transferida de goberno do tránsito no seu territorio, en exclusiva. Aquí haberemos de esperar a que a alguén se lle ocorra que é máis racional para o uso e desfrute (se existir) das estradas e autoestradas ter un criterio único de sinalización que teña en conta todo o que hai que ter pero que sexa único.

Así, por exemplo, se o limite de velocidade nunha localidade, zona urbana, non pode superar os 50km/hora, mantéñase o criterio igual para todas pero non se identifique zona urbana con dúas casas con 3 veciños. De certo que existen no mundo métodos de garantir a seguridade deses veciños sen reducir a velocidade, de todos os que circulan, a 50 km/h (xa hai décadas que se inventaron uns semáforos de uso á vontade). Tamén podería ser interesante que os Concellos, nas normas de permiso de edificación, prohibisen construír vivendas e/ou outros edificios nas estradas de circunvalación que foron feitas no seu momento para circunvalar, como o seu nome indica. Isto xa é demasiado porque case estou escoitando se levantaren en pé de guerra os alcaldes e demais forzas vivas, escoitando que alguén poida se atrever a restar (en realidade, eu suprimiría de todo) competencias urbanísticas aos rexedores municipais. Pois, en base a unha racionalidade de país, no noso caso de Galiza, sería conveniente e mesmo extremadamente beneficioso que a competencia urbanística seguise un criterio adecuado ás necesidades de conxunto do país e non dos limites dun concello deseñado no século XIX: hoxe institución máis obsoleta que un teléfono móbil de hai 10 anos.

Regresando ao tema do tráfico, poderíamos pensar (e propor) que somos quen de nos gobernar neste asunto por nós mesmos; ou seguirá sendo cómodo/irresponsábel que o fagan outros por nós?

Comentarios